Xornada informativa sobre o protocolo autonómico de protección á infancia e adolescencia fronte a violencia en contornas deportivas
O clube convocou a todos os adestradores e profesionais que traballan nas súas categorías de formación
Co obxectivo de dotar aos nosos adestradores, xestores deportivos e demais profesionais vinculados á nosa canteira das ferramentas necesarias para proporcionar unha atención integral á infancia e á adolescencia, o vindeiro xoves celebraremos unha xornada informativa sobre a aplicación do Protocolo de protección de nenos, nenas e adolescentes fronte á violencia no deporte, documento aprobado pola Xunta de Galicia o pasado mes de xuño.
Á cita, programada para as 17.00 horas, están convocadas máis dunha trintena de persoas entre técnicos, delegados e outro persoal que habitualmente traballa cos nosos equipos de formación.
Felipe Sánchez Pedreño Manglano, director de protección da infancia da Real Federación Española de Fútbol, será o encargado de impartir a charla. Xunto con el, en representación da Federación Galega de Fútbol, que colabora con nós na iniciativa, estarán presentes o seu presidente, Pablo Prieto; o secretario do ente federativo, Diego Batalla; así como Rafael Varela Pastrana -membro do Comité de Protección da RFGF- e Álex Parada Rivas -delegado de protección da infancia e adolescencia da RFGF.
PROTOCOLO
O Protocolo de protección de nenos, nenas e adolescentes fronte á violencia no deporte que a Xunta aprobou o pasado mes de xuño enmárcase dentro da Lei Orgánica de protección integral á infancia e á adolescencia fronte á violencia (LOPIVI) e trátase dun documento pioneiro de obrigado cumprimento para todos os centros que realicen actividades deportivas na comunidade, entre eles federacións e clubes.
A través do mesmo, trátase de previr as violencias neste entorno e establecer canles de intervención e protección que convertan ás entidades deportivas en espazos seguros e libres de violencia. O documento non só pretende ser un marco de actuación, senón unha ferramenta práctica, universal e aplicable tanto para previr como para intervir.