Skip to main content
Fundación

Empapámonos de racinguismo co CEIP Ledicia e o Colexio Arenales Santa Juana

A través da Fundación Racing Club Ferrol, compartimos experiencias cos centros educativos da comarca

There are no reactions yet. Be the first!

Nas dúas últimas tempadas, a nosa masa social rexuveneceu notablemente. Abonda con percorrer as bancadas da Malata nun día de partido para comprobar a gran cantidade de nenos e nenas que viven o racinguismo con entusiasmo. Por iso, aproveitamos cada oportunidade que se nos presenta para achegarnos a eles.

Esta semana tivemos a ocasión de sentir o agarimo da comunidade educativa do CEIP Ledicia e do Colexio Arenales Santa Juana, que nos trasladaron a súa forza e os seus mellores desexos para este treito final do campionato. Dúas actividades promovidas pola Fundación Racing Club Ferrol que nos permitiron compartir cos máis pequenos os valores do club e achegalos á historia da entidade.

Na Malata, co Colexio Arenales Santa Juana

Esta mesma mañá, o alumnado de 5º curso de Educación Primaria do Colexio Arenales Santa Juana visitou as instalacións da Malata para coñecer de preto o día a día dun equipo de fútbol profesional.

A actividade permitiulles descubrir algúns dos segredos do noso estadio, realizar un percorrido polos máis de cen anos de historia do club e gozar, ademais, do adestramento do equipo sobre o céspede.

Os nosos futbolistas compartiron uns minutos con eles ao remate da sesión de traballo, asinando autógrafos e facéndose numerosas fotografías para o recordo.

 

Visita ao CEIP Ledicia

A semana comezara para nós o luns en Caranza, no CEIP Ledicia, con Markel Artetxe e Álvaro Juan, que aproveitando a xornada de descanso do equipo, compartiron o seu tempo cos máis pequenos. 

Os alumnos recibiáronnos con gran entusiasmo e aproveitaron a ocasión para coñecer de primeira man a experiencia de vestir a camiseta do Racing. Markel Artetxe e Álvaro Juan compartiron anécdotas do seu día a día, falaron da importancia do traballo en equipo, do esforzo e do respecto, tanto dentro como fóra do campo.

Durante o encontro, os xogadores tamén destacaron os valores de compromiso, disciplina e responsabilidade que se traballan tanto no fútbol como no colexio. Os nenos e nenas de Ledicia tiveron a oportunidade de facer preguntas, fotografarse con eles e sentirse moito máis preto do equipo.

 

A toda a comunidade educativa do CEIP Ledicia queremos amosarlles o noso máis profundo agradecemento pola invitación, a acollida e o afecto que nos demostraron. Para nós é un pracer rodearnos dun viveiro tan fiel e entusiasta de racinguistas que representa o futuro deste club.

```