Windwaves renova a súa aposta polo Racing Club Ferrol
A firma protagonizará o partido patrocinado deste sábado ante o CD Arenteiro
Contar con aliados incondicionais é unha das claves para a consolidación do proxecto racinguista. Esta mañá, o Racing Club Ferrol tivo a oportunidade de recibir no estadio da Malata unha desas firmas que, desde a súa incorporación hai un par de tempadas, converteuse nun piar estratéxico para a entidade: Windwaves.
O seu director xeral, Roberto Bouzas, recibiu o agradecemento do club de mans do presidente, Manuel Ansede, quen, con motivo da presentación do partido que será patrocinado pola firma este sábado ante o CD Arenteiro, quixo poñer en valor o sólido compromiso que Windwaves mantén co Racing.
O presidente destacou a importancia de contar con empresas aliñadas cos valores do club e que comparten a aposta por Ferrol e Ferrolterra, subliñando ademais o sentimento racinguista que Roberto Bouzas acostuma a transmitirlle e que vai máis alá das palabras, materializándose no respaldo constante de Windwaves ao Racing Club Ferrol.
Na mesma liña, Bouzas referiuse a esta colaboración como un motivo de “orgullo”, resaltando a relevancia que ten para Windwaves e para o Grupo Amper apostar por unha comarca na que se realizaron importantes investimentos e na que a compañía conta con máis de 500 traballadores.
A confianza no futuro, tanto a nivel empresarial como deportivo, puxo o colofón á súa intervención.
Como protagonista deste partido patrocinado, Windwaves contará, entre outras contraprestacións, cunha maior visibilidade en soportes físicos e dixitais, tanto no estadio da Malata como nas redes sociais oficiais do club.