Venta de entradas para o partido ante o RC Deportivo en A Malata
A venda comeza mañá luns, ás 12.00 horas, de forma preferente e bonificada para abonados
O Racing Club Ferrol porá mañá á venta de forma presencial as entradas para o partido que o sábado 29 de marzo disputará en A Malata ante o Real Club Deportivo de La Coruña. En total, distribuiranse algo máis de 900 localidades: 450 da grada de Preferencia e 456 correspondentes aos sectores 9 e 10 de Fondo Norte.
Todos os abonados do club poderán acceder ao encontro co seu abono, pero co propósito de premiar a súa fidelidade esta tempada, o club decidiu outorgarlles preferencia neste proceso de venda, de tal forma que a adquisición das entradas estará restrinxida do luns ao mércores só para abonados. Non só iso, senón que, ademais, poderán mercar estas entradas a un prezo bonificado respecto ao público en xeral.
Así, nesta primeira fase, as localidades terán un prezo único de 35€ en Preferencia e 30€ en Fondo Norte.
Cada abonado poderá retirar un máximo de dúas entradas e cada persoa poderá presentar un único carné. En calquera caso, e posto que as entradas son nominativas, deberán facilitar o nome, apelidos e DNI das persoas que vaian acudir ao estadio.
No caso de que as entradas non se esgoten, a partir do xoves, distribuiranse entre o público en xeral -tamén de forma presencial- cun prezo de 40€ en Preferencia e 35€ en Fondo Norte. Neste caso, a venda estará limitada a dúas unidades por persoa e deberán aportarse tamén todos os datos dos espectadores que vaian acudir ao recinto.
As oficinas do club permanecerán abertas o luns de 12.00 a 17.00 horas; de martes a xoves de 10.00 a 17.00 horas; e o venres de 10.00 a 14.00 horas.
Dende o Racing Club Ferrol recórdase que o partido foi declarado de alto risco polo Consello Superior de Deporte. Esta medida implica que non se poderán exhibir camisolas, bufandas e demais elementos de animación do equipo visitante fóra da grada asignada aos seus seguidores.
Por outra parte, e posto que os controis nas portas de acceso serán exhaustivos, solicitamos dos afeccionados que acudan con tempo suficiente ao estadio. De feito, para tratar de que o acceso sexa máis fluído, as portas de A Malata abriranse ás 14.45 horas.