O novo dianteiro racinguista destacou durante a súa presentación a confianza transmitida polo club e o corpo técnico, o ambiente do vestiario e o papel que xogará a afección na nova tempada.
Convencido de ter elixido o destino axeitado para continuar medrando como futbolista, Unai Ropero foi presentado oficialmente como novo xogador do Racing Club Ferrol. Nun acto celebrado na sala de prensa da Malata, o presidente da entidade, Manuel Ansede, agradeceu ao dianteiro por apostar polo club a pesar de contar con outras alternativas e destacou, por riba de todo, o seu desexo de formar parte do proxecto que a entidade está a construír.
O atacante recoñeceu que a ambición do Racing foi determinante para aceptar a proposta. "Convencéronme co proxecto que ten o Racing, que é ambicioso e quere estar no máis alto", explicou, destacando tamén a confianza que tanto o club como Javi Vázquez depositaron nel. "Veño con moitas ganas de achegar ao equipo e cumprir co obxectivo marcado de ascender a Segunda División", engadiu. Nesa mesma liña, asegurou sentirse plenamente identificado coa forma de traballar do técnico racinguista. "É un adestrador moi próximo, moi motivador, que te esixe, que fala desde o corazón e transmite esa confianza ao grupo. Coincido moito co que busca o míster", afirmou.
Ropero tamén quixo poñer en valor o ambiente que atopou desde a súa chegada a Ferrol. O dianteiro asegurou terse integrado con rapidez grazas ao recibimento do vestiario. "Atopeime cun grupo humano incrible que me fixo sentir na casa desde o primeiro día", sinalou, convencido de que a intensidade e a calidade que percibe nos adestramentos convidan ao optimismo de cara a unha tempada que cualificou como "ilusionante".
Antes de finalizar a súa comparecencia, o novo futbolista racinguista tivo un recordo para a afección verde, da que xa recibira moi boas referencias antes de aterrar na Malata. Ropero explicou que tanto Ian Mackay como Manel Fernández lle falaran do compromiso do racinguismo e quixo facer un chamamento para que siga acompañando ao equipo durante toda a tempada. "É moi importante ter aos afeccionados preto. Cando afección e xogadores se unen somos máis fortes. Que veñan, que se ilusionen con este proxecto como nós. Xuntos imos conseguilo", concluíu.