Skip to main content
O Racing Genuine pon rumbo a Tarragona para estrear a súa cuarta tempada na LALIGA Genuine Moeve

O noso equipo debuta o sábado ante a UD Ibiza e o Levante UD EDI, e o domingo pecha a primeira xornada fronte á Fundación Málaga CF

Tras semanas de duro adestramento e coa mochila cargada de ilusión, o Racing Club Ferrol afronta esta fin de semana a primeira xornada de LALIGA Genuine Moeve, que se disputa en Tarragona. É a nosa cuarta tempada consecutiva nunha competición que vivirá a súa cerimonia inaugural o venres, no Nou Estadi Costa Daurada. Alí desfilarán todos os equipos participantes antes de que o balón bote a rodar.

A competición comeza para nós o sábado, ás 10.00 horas, ante a UD Ibiza. Pola tarde, ás 16.30, medirémonos ao Levante UD EDI. O domingo, ás 11.00, pecharemos esta primeira cita fronte á Fundación Málaga CF. Os tres partidos xogaranse no Mediterranean Sports Hub.

Esta campaña repetimos no grupo “Compañerismo”, xunto a outros quince equipos. Ademais dos tres rivais desta primeira xornada, forman parte del o CD Lugo, o Real Sporting, o Athletic Club Fundazioa, o CD Eldense, o CD Mirandés, o Real Zaragoza, a Fundación Albacete, o FC Andorra, a AD Ceuta, a SD Huesca, a Fundación Fútbol Base Reus e a SD Ponferradina.

Diego Garrido segue unha campaña máis á fronte do corpo técnico, no que o acompañan Miguel Cobas, como segundo adestrador, e Belén Aneiros e Paco Hansen, como delegados. Dezaseis futbolistas dos centros Souto de Leixa, Aspaneps e Virxe de Chamorro, ademais de varios xogadores que forman parte do proxecto sen estar vinculados a ningún centro, compoñen a expedición racinguista.

O noso proxecto de fútbol inclusivo naceu en 2021 transcendendo a faceta estritamente deportiva para poñer o foco en valores como o compañeirismo, a tolerancia, a diversidade e a inclusión e, sobre todo, no crecemento persoal e deportivo dos nosos xogadores. Con esa mesma idea encaramos esta cuarta tempada.

Tarragona será a primeira das catro sedes que visitaremos este curso. Despois chegarán Pamplona, do 5 ao 7 de marzo, co CA Osasuna como anfitrión, e Xixón, do 7 ao 9 de maio, da man do Real Sporting. A tempada pecharase en Madrid, do 11 ao 13 de xuño, nunha xornada organizada polo Club Atlético de Madrid que volverá reunir a todos os equipos.

Unha liga que naceu en Tarragona

Non é casualidade que todo comece alí. LALIGA Genuine Moeve naceu en 2016 do soño de Álvaro e Rubén, dous afeccionados do Nàstic que querían unha competición na que puidesen xogar persoas que, como eles, teñen diversidade intelectual. Co apoio do seu club, levaron a idea a LALIGA, e a primeira edición botou a andar en 2017 con 18 equipos.

Hoxe, impulsada por LALIGA a través da súa Fundación, a competición reúne a 50 equipos repartidos en tres grupos: “Deportividade”, “Respecto” e “Compañerismo”. Só esta primeira xornada mobiliza a preto de 1.000 xogadores, xogadoras e membros dos corpos técnicos, que disputarán 75 partidos en nove terreos de xogo coa axuda de máis de 250 voluntarios.

Ao final da tempada haberá seis campións: tres de competición e tres de Fair Play. Ademais das amarelas e as vermellas, existe tamén a tarxeta verde, que premia os xestos de deportividade e compañeirismo. É unha maneira de entender o fútbol na que o noso equipo se recoñece desde o primeiro día.

¡A gozar, rapaces!