Todo a punto para o Memorial Moncho Rivera de mañá
Racing Club Ferrol e CD Tondela mídense nesta cita de carácter benéfico cuxa recadación irá parar a ASPANEPS
Racing Club Ferrol e Clube Desportivo Tondela enfróntanse mañá ás 20:00 horas na Malata con motivo da XXVI edición do Torneo Victoria CF - Memorial Moncho Rivera. Trátase dunha cita de carácter benéfico cuxa recadación está destinada integramente a ASPANEPS (Asociación de Pais e Nais de Nenos e Nenas con Problemas Psicosociais), entidade que traballa nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal ofrecendo apoio a familias con persoas con discapacidade intelectual ao seu cargo.
O Victoria CF, co respaldo da Corporación Hijos de Rivera, está á fronte da organización deste evento, que rende homenaxe a D. Ramón Rivera Rivera, membro da terceira xeración da familia propietaria da Corporación Hijos de Rivera e impulsor do torneo grazas á súa estreita vinculación con este club e co fútbol base.
Ademais do seu carácter solidario, desde o punto de vista deportivo, o encontro presenta o atractivo engadido de enfrontar a un equipo da Primeira División portuguesa. Será un rival esixente ante o que os pupilos de Pablo López intentarán deixar unha boa imaxe, aproveitando a ocasión para acumular minutos de xogo valiosos de cara ao seu próximo compromiso ligueiro do domingo fronte a Osasuna Promesas.
Venda de entradas
As entradas para o encontro teñen un prezo de 5 € en Fondos, 8 € en Preferencia e 10 € en Tribuna. Nesta ocasión, todos os afeccionados, incluídos os abonados do Racing Club Ferrol, deberán adquirir a súa entrada en billeteira, xa que non se manterán as localidades habituais reservadas.
As entradas estarán dispoñibles a través da páxina web do club, nas oficinas da Malata ata esta tarde ás 16:30 horas e, mañá, na billeteira do estadio da Malata, que abrirá a partir das 18:00 horas.
Ademais, habilitouse unha fila 0 para quen non poida asistir pero desexe colaborar. Así mesmo, acéptanse doazóns, que poderán realizarse mediante transferencia bancaria ao número de conta ES58 2080 0054 1430 4001 9679.