Skip to main content
Roberto Arroyo: "Sempre me gustou a filosofía do Racing"

O dianteiro foi presentado polo presidente do club, Manuel Ansede, quen destacou o seu talento, a súa capacidade de crecemento e o seu encaixe no proxecto da entidade.

There are no reactions yet. Be the first!

Convencido de ter tomado a decisión correcta e coa ilusión de afrontar unha nova etapa na súa carreira, Roberto Arroyo foi presentado oficialmente como novo futbolista do Racing Club Ferrol. Nun acto celebrado na sala de prensa da Malata, o presidente do club, Manuel Ansede, deu a benvida ao atacante e destacou que a súa incorporación responde ao perfil de futbolista sobre o que a entidade quere seguir construíndo o seu proxecto: un xogador novo, con experiencia, ambición e marxe de crecemento.

Ansede tamén puxo en valor a traxectoria de Roberto destacando que a súa chegada supón incorporar a un futbolista comprometido, con talento e preparado para asumir novos retos.

Arroyo explicou que apenas precisou tempo para aceptar a proposta do Racing. "Nestes anos xogara moito contra el e sempre me gustou a súa filosofía, así que non o pensei. Cando cheguei, todo iso confirmei que era certo", asegurou. O dianteiro recoñeceu, ademais, que desde o primeiro día se sentiu plenamente integrado. "Estou encantado coa familiaridade que hai no club e coa súa hospitalidade. É de admirar e síntome como na casa".

A polivalencia é unha das grandes virtudes do atacante. Aínda que recoñece que se atopa máis cómodo actuando como dianteiro ou extremo, deixou claro que a súa prioridade será sempre axudar ao colectivo. "Eu prefiro xogar de dianteiro ou de extremo, pero podo facelo en varias posicións segundo o modelo de xogo ou como se presente o partido".

Roberto afronta este novo reto coa ambición de seguir medrando. "O fútbol é un sube e baixa. O máis difícil é manterse. Eu quero chegar ao fútbol profesional; hai que seguir traballando", sinalou. Un camiño no que confía seguir evolucionando baixo a dirección de Javi Vázquez, de quen destacou a esixencia e a intensidade coa que está dirixindo as primeiras semanas de traballo. "De momento encántame a forma de traballar. É unha persoa seria, que quere intensidade, e eu estou encantado".