Skip to main content
Raúl Alcaina: "Faláronme marabillas do Racing e quería estar nun proxecto así"

O dianteiro destaca a unión e o nivel de traballo que atopou en Ferrol e Álex Vázquez confía en ofrecerlle o contexto axeitado para que poida brillar

There are no reactions yet. Be the first!

A historia do Racing Club Ferrol e a ambición do proxecto foron dous dos motivos que convenceron a Raúl Alcaina para elixir Ferrol a pesar de contar con outras opcións. O dianteiro explicou durante a súa presentación que buscaba formar parte dun proxecto con obxectivos ambiciosos e que as referencias que recibiu sobre o club terminaron de reforzar a súa decisión. Unha elección que Álex Vázquez, director de Fútbol do Racing, agradeceu durante a presentación do futbolista. 

Os primeiros días de traballo confirmaron para Alcaina as expectativas coas que chegou a Ferrol. O dianteiro destacou especialmente a seriedade, o ritmo de traballo e a unión do grupo. "Atopei un equipo que traballa con seriedade, cun ritmo altísimo, con moita unión... E para min todo iso son sinais de que podemos estar máis preto dos nosos obxectivos", sinalou. Tamén puxo en valor o ambiente que atopou dentro do club: "O Racing é un club moi profesional, pero ao mesmo tempo moi familiar".

Vázquez, pola súa banda, destacou o perfil de futbolista que incorpora o Racing. "É un dianteiro dos que sempre fan falta nun equipo", afirmou o director de Fútbol, que tamén confía en que o club poida ofrecerlle o contexto axeitado para desenvolver todo o seu potencial.

Alcaina definiuse como un dianteiro centro completo, capaz de actuar como referencia pero tamén de atacar os espazos, e destacou o seu compromiso no traballo defensivo. "Gústame o contacto cos centrais, pisar a área e ir aos duelos", explicou. Sobre a competencia dentro do plantel, asegurou que a entende como unha ferramenta para que todos poidan achegar ao equipo: "Todos vimos aquí para sumar e facer o noso traballo ben. Despois o adestrador xa decidirá".

O atacante afronta así a súa nova etapa en Ferrol coa intención de contribuír aos obxectivos colectivos e tamén cun reto persoal no apartado goleador. Aínda que recoñeceu que non adoita marcarse cifras, esta vez si quixo facelo: "Gustaríame marcar como mínimo dez".