Promoción de entradas na visita do Pontevedra a A Malata
Tanto os nosos abonados como os de O Parrulo, poderán adquirir entradas a prezo bonificado
A Malata prepárase para vivir, o sábado 2 de maio, un apaixonante derbi galego coa visita do Pontevedra CF e dende o Racing Club Ferrol queremos contar co apoio da nosa afección nesta gran cita.
Todos os nosos abonados poderán acudir ao encontro, como de costume, presentando o seu abono. Ademais, como recoñecemento á súa fidelidade, terán a posibilidade de adquirir unha entrada adicional a un prezo bonificado: 12,5 € en Tribuna, 10 € en Preferencia e 7,5 € en Fondo Norte.
Para beneficiarse desta promoción, os abonados racinguistas deberán presentar o seu carné de abonado. Así mesmo, ao tratarse de entradas nominativas, será necesario facilitar o nome e DNI da persoa que accederá ao estadio.
O partido foi declarado de alto risco, polo que nesta ocasión non estará habilitada a venda en liña nin se abrirán as billeteiras o día do encontro.
As oficinas de A Malata estarán abertas no seguinte horario habitual:
- Luns a xoves, de 10:00 a 17:00 horas (Mércores, de 10.00 a 16.00 horas)
- Venres, de 10:00 a 14:00 horas
O Parrulo
O sábado 2 de maio será unha xornada intensa en A Malata. Tras o encontro fronte ao Pontevedra CF, os nosos veciños de O Parrulo Ferrol disputarán tamén un partido de máxima rivalidade ante o Noia Portus Apostoli -20.30 horas, Pavillón A Malata-.
No marco da colaboración entre ambas entidades para fomentar o deporte na comarca, os abonados de ambos clubs poderán beneficiarse de prezos bonificados nos seus respectivos encontros.
No caso dos socios de O Parrulo Ferrol, poderán adquirir unha entrada para o Racing–Pontevedra a un prezo de 12,5 € en Tribuna, 10 € en Preferencia e 7,5 € en Fondo Norte.
Os abonados do Racing Club de Ferrol poderán mercar a súa localidade para o partido entre O Parrulo e o Noia a 8 €, no caso dos maiores de idade, e a 5 € os menores. A billeteira no pavillón de A Malata estará aberta dende unha hora antes do inicio dese encontro.
IMPORTANTE: Ambas promocións estarán dispoñibles ata fin de existencias. Para acollerse a elas, será imprescindible presentar o abono do Racing Club de Ferrol ou de O Parrulo Ferrol no momento da compra.
Previa solidaria
Entre ambos partidos, O Parrulo organizou unha previa solidaria co nome «Xuntanza por Julieta», para recaudar fondos en favor da asociación Mi Princesa Rett. A cita desenvolverase a partir das 18:15 horas no aparcadoiro do pavillón de A Malata.