Pascu vestirá a camisola do Racing na próxima tempada
O futbolista, cun perfil claramente ofensivo, procede do CD Arenteiro, equipo no que foi un dos xogadores máis destacados do pasado exercicio.
José Pascual Alba "Pascu" (Santa Pola, 2000) vestirá a próxima tempada a camisola do Racing Club Ferrol. Con 8 goles e 6 asistencias, o futbolista non só foi un dos xogadores máis destacados do CD Arenteiro no pasado exercicio, senón tamén un dos máximos referentes do campionato en 1ª RFEF.
Versátil e polivalente, Pascu é un centrocampista ofensivo que pode xogar tanto de mediocentro como de mediapunta, e incluso de interior dereito. Aos 25 anos, acumula 91 partidos e case 7.000 minutos entre Segunda B e 1ª RFEF, a maior parte deles entre o Valencia Mestalla, ao que chegou procedente da canteira che e no que militou durante catro tempadas; e o CD Arenteiro, onde o pasado curso coincidiu co director de fútbol racinguista, Álex Vázquez.
Entre ambas etapas, pasou catro anos no fútbol de Países Baixos, o primeiro deles na máxima categoría, a Eredivisie, co ADO Den Haag, e os tres seguintes co Dordrecht e o Almere City, da segunda división, a Eerste Divisie. Con este último acadou o ascenso e militou unha campaña en Primeira xusto antes de fichar polo CD Arenteiro.
Pascu, que se proclamou campión da UEFA Youth League co FC Barcelona na tempada 2017/2018, foi internacional con España sub-18, disputando catro partidos coa camisola vermella.
¡Benvido a Ferrol e ao Racing!