Pablo López: "Queremos recuperar a ilusión da xente e que estea orgullosa do equipo"
O técnico fixou un obxectivo claro: volver ao fútbol profesional, pero sempre coas patas na terra.
Co presidente da entidade, Manuel Ansede, como anfitrión, Pablo López foi presentado como novo técnico do Racing Club Ferrol. O técnico coruñés estivo acompañado no acto polo seu novo equipo de traballo, composto por David Pérez, como segundo adestrador; Roberto Valeiro, como preparador de porteiro; e Kiko Corredoira, como preparador físico.
"Recuperar a Pablo López é unha gran alegría, porque coñece ben a casa e a categoría", recoñecía Manuel Ansede, que valorou moi positivamente o feito de contar cun "equipo novo, ambicioso e con ganas de demostrar a súa valía".
Unha confianza que o técnico agradeceu, consciente do complicado reto e cun claro chamamento á unidade. "O reto é volver ao fútbol profesional. Temos que ter esa ilusión e ser ambiciosos, pero sempre cos pés na terra, porque a 1ª RFEF é unha categoría moi complicada", recoñecía Pablo López:
"Temos que recuperar a alegría e a ilusión que tiñamos. Recuperar o espírito da afección cando se gritaba 'Isto é Ferrol', porque a xente está desexosa de facelo".
"A xente que se quede ou que veña ten que estar convencida do reto ao que nos imos enfrontar, porque a esixencia vai ser máxima".
"Queremos ser competitivos, ir gañar os partidos. Unha das claves vai ser facer de A Malata un fortín. A nosa idea é emocionar á xente, enganchara e que se sinta orgullosa do equipo".
"Nestes momentos que non son tan bos, hai que pedirlle á afección que estemos todos xuntos e vaíamos da man. Temos que pensar que xuntos somos máis fortes".
"É importante que os xogadores que veñan sexan capaces de xogar neste campo, que impón; que estean preparados a nivel psicolóxico. Imos pedir ambición, pero tamén gozar".
"O tempo apremia, pero seguro que hai moitos xogadores agardando polo Racing e ilusionados por vir a este club, que é un dos grandes da categoría".