O choque disputarase mañá domingo ás 16.00 horas
Fútbol de pico e pa o que nos agarda mañá no Novo Lasesarre, onde nos enfrontaremos, a partir das 16.00 horas, ao Barakaldo CF en partido correspondente á decimoterceira xornada do campionato ligueiro do Grupo I de Primeira Federación Versus E-Learning.
Unha contenda á que o Racing chega tras dúas vitorias consecutivas que nos devolveron á estela do líder, o CD Tenerife, e que reafirmaron a confianza dos pupilos de Pablo López. Unha confianza que será clave para afrontar este encontro nun dos campos máis complicados da categoría. Un escenario no que o seu anfitrión non coñece a derrota e no que sumou tres vitorias —todas as que exhibe na clasificación— e outros tantos empates. Os gualdinegros son un dos equipos que máis igualadas acumulan —un total de seis—, o que dá boa conta da seriedade do seu plantexamento e do difícil que resulta dobralo.
David Concha e Chema Rodríguez, ambos con problemas físicos, non se desprazarán co equipo a Barakaldo. Tampouco está na convocatoria Álvaro Ramón, que cumprirá un partido de sanción tras completar o seu primeiro ciclo de amonestacións.
Nas filas do Barakaldo CF, Imanol de la Sota afronta o encontro tamén coa baixa de dous xogadores e a dúbida dalgún futbolista máis.