Skip to main content

O Racing súmase aos actos do Día Contra o Cancro

Durante o partido ante o CD Lugo deuse visibilidade ás iniciativas das asociacións ASOTRAME e AECC

There are no reactions yet. Be the first!

O pasado mércores día 4 conmemorouse o Día Mundial contra o Cancro, unha data sinalada para concienciar sobre a importancia da prevención, a investigación e o apoio ás persoas afectadas por esta enfermidade.

Con motivo desta xornada, durante o partido disputado onte, os xogadores do Racing Club Ferrol e do CD Lugo saltaron ao terreo de xogo portando sendas pancartas da Asociación Española Contra o Cancro da Coruña (AECC) e de Asotrame, a Asociación Galega de Persoas Trasplantadas de Medula Ósea e Enfermidades Oncohematolóxicas.

Así mesmo, os futbolistas luciron cintas verdes como parte da campaña “Brazaletes de Esperanza”, un proxecto impulsado pola AECC co obxectivo de visibilizar a loita contra o cancro e mostrar apoio a pacientes e familiares.

Durante o descanso do encontro, o presidente do club, Manuel Ansede, realizou un intercambio de agasallos cos representantes de ambas asociacións, quen asistiron ao partido como invitados de honra, nun xesto de recoñecemento e compromiso por parte da entidade.

O club reafirma así o seu apoio ás iniciativas solidarias e o seu compromiso coas causas sociais que contribúen a construír unha sociedade máis xusta e concienciada.