Skip to main content
Fútbol de barrio

O Racing Club Ferrol presenta a súa terceira equipación para a tempada 2026/27, inspirada na bandeira de Ferrol e no fútbol que se xoga na rúa.

There are no reactions yet. Be the first!

Ferrol e ese sentimento de pertenza que a todos nos percorre cando pensamos na nosa cidade inspiran a terceira equipación do Racing Club Ferrol para a tempada 2026/27. 

A máis ferrolá das tres camisetas que forman parte da colección desta campaña rende homenaxe á bandeira da cidade cun estampado axedrezado en azul e branco. Con ela recuperamos un patrón recoñecible sobre o que destaca o verde fluorescente elixido para os distintivos de adidas, que achegan contraste e personalidade ao conxunto.

O resultado é unha camiseta diferente. Máis atrevida. Con identidade propia. 

Unha camiseta que nos lembra que o Racing non vive unicamente na Malata. Está nas súas rúas, nas súas prazas, nos campos onde se xoga por diversión e neses barrios nos que os nenos e nenas aprenden a amar o fútbol dando as primeiras patadas a un balón. Desde Caranza a Canido, desde o Ensanche a Esteiro, desde A Magdalena a Ferrol Vello. Desde San Xoán a Catabois, Santa Mariña, San Xoán, Ultramar... sen esquecer a nosa extensa zona rural.

Por iso esta camiseta tiña que saír do estadio. Tiña que percorrer a cidade. E debía facelo da man daqueles que defenden este escudo "no barro": xogadores e xogadoras da nosa canteira

Porque este é a nosa homenaxe ao fútbol de barrio, ao fútbol de barro.

Unha maneira de entender tamén o que significa ser do Racing. Porque antes de encher un estadio, o fútbol comeza sempre nalgún lugar moito máis íntimo: alí onde un neno ou unha nena se atopa por primeira vez cun balón.