Skip to main content
O Racing quere prolongar o seu bo momento ante o Unionistas

O conxunto de Javi Vázquez regresa a A Malata tras sumar a súa primeira vitoria a domicilio da tempada e buscará dar continuidade á boa dinámica de resultados.

"O pasado, pasado está e eu non penso en rachas: nin nas boas nin nas malas". Javi Vázquez téñoo claro. O Racing volve mañá a A Malata, onde conta os seus partidos por vitorias esta tempada, para recibir aos Unionistas de Salamanca ás 13.00 horas. Pero o técnico non quere que os números condicionen ao equipo: nin a falta de triunfos a domicilio antes de visitar ao Fabril nin o pleno de vitorias na casa cambian o seu plantexamento.

E é que, para seguir sumando na casa, o Racing terá que volver ofrecer a súa mellor versión ante un Unionistas que, a pesar dun inicio irregular, mellorou as súas prestacións nas últimas xornadas. Os verdes deberán manter a concentración e a solidez defensiva que amosaron en Riazor para facer fronte a un rival que chega a Ferrol tras empatar ante o Cacereño (1-1), sumando así o seu primeiro punto a domicilio da tempada.

A vitoria en Riazor situou ao Racing en postos de play-off, con 13 puntos no seu casilleiro. Unha posición aínda anecdótica, como recoñece o propio entorno do equipo, pero que tamén reflicte a evolución do proceso ao que tantas veces fai referencia Javi Vázquez. O último encontro non foi o máis brillante en canto a xogo, pero o equipo soubo competir, amosouse sólido en defensa e volveu demostrar a súa fortaleza actitudinal e emocional.

No capítulo de ausencias, o Racing non poderá contar co lesionado Álvaro Juan nin co sancionado Álvaro Ramón. Esta última baixa abre a porta da titularidade a Saúl no lateral, tal e como adiantou o técnico. Unha nova oportunidade para un xogador «que está traballando moi ben» e unha mostra da importancia de manter a toda a plantilla «enganchada» durante a tempada.

Regreso

O de mañá será un partido moi especial tamén polo regreso a A Malata da nosa mascota, o Diabliño Verde, que tras varios anos afastado dos terreos de xogo volve ao seu fogar para arengar ao racinguismo nunha tempada especialmente ilusionante. El será o gran protagonista nos prolegómenos do partido. 

¡Animámosvos a todos a acudir para darlle a benvida que merece!

Afectacións

Para este duelo, mantéñense as mesmas afectacións na bancada que nos últimos partidos. Así, os abonados do sector N deberán trasladarse ao K e ubicarse no seu mesmo asento e fila.

Por outra banda, lémbrase aos afeccionados que os únicos paraugas permitidos para acceder ao estadio de A Malata son os de tipo pregable.