O Racing comeza a pretempada
As xornadas da mañá e o martes estarán dedicadas a recoñecementos médicos e o mércores a plantilla exercitarase en A Gándara.
A tres días de que o equipo salte ao céspede este mércores para realizar o seu primeiro treinamento de pretempada en A Gándara ás ordes de Pablo López, nas xornadas de mañá e pasado, os nosos futbolistas someteranse no Hospital Ribera Juan Cardona aos habituais controis médicos previos ao inicio da actividade.
Será a primeira toma de contacto para un grupo que conta con 12 xogadores da primeira plantilla, aos que, durante as próximas semanas, se lles unirán no traballo cinco futbolistas da nosa esquadra xuvenil: Rubén Piñón (porteiro), Joel Ferreira (lateral esquerdo), Joel Tenreiro (centrocampista ofensivo), Antón Álvarez (extremo) e Daniel González (dianteiro).
Non todos eles foron convocados para o mércores, pois Migue Leal, Ander Gorostidi e Álvaro Ramón, que estiveron disputando o play-off de ascenso a LaLiga Hypermotion ata hai tres semanas, non se incorporarán até o próximo luns 21.
Si se vestirán xa de curto Álex Zalaya, David Carballo, Antón Escobar, Pascu, Jairo Noriega, César Fernández, Álvaro Juan e Miquel Parera. Xunto con eles estará Aitor Gelardo, único dos futbolistas da pasada tempada con contrato en vigor que seguirá no club despois do traspaso de Brais Martínez ao Burgos CF. No caso de Aleksa Puric, na mesma situación que os dous anteriores, o club está a valorar co xogador diversas opcións de cara ao futuro en busca da máis beneficiosa para ambas partes.
Amigables
O cadro departamental disputará esta pretempada sete partidos de preparación, o primeiro deles o sábado 26 de xullo, en Vilalonga, ante o Villalonga CF. Real Madrid Castilla, Fabril, Real Sporting, Bergantiños FC, SD Ponferradina e Celta Fortuna completan a nómina de rivais para esta etapa preparatoria.