O Racing, a derrubar o fortín do Osasuna Promesas
O cadro ferrolán mídese mañá a domicilio a un dos equipos máis sólidos da categoría
O Racing mídese mañá ao Osasuna Promesas en partido correspondente á sétima xornada da liga Versus E-Learning de Primeira Federación. O encontro disputarase ás 12:00 horas nas instalacións de Tajonar, na capital navarra, e suporá para os pupilos de Pablo López unha oportunidade de reencontrarse coa vitoria tras dous empates consecutivos. Dúas igualadas que, sumadas ao tropezo encaixado previamente na súa visita ao CD Lugo, frearon as nosas aspiracións clasificatorias, aínda que o equipo continúa traballando con insistencia para ofrecer a súa mellor versión.
Así o apuntaba o técnico, Pablo López, na rolda de prensa previa ao partido, na que advertía que, "aínda que estamos traballando duro, está claro que isto non nos chega para gañar. Iso é unha proba do dura que é esta competición.” Ademais, sinalaba que "temos que ser máis esixentes e as vitorias van volver chegar.”
E é que, salvando algún momento puntual nestes últimos encontros, o equipo competiu na liña que o seu preparador quere, e iso é para el un motivo de confianza.
O Racing vaise atopar fronte a un equipo rochoso e defensivamente moi ordenado. Unha escuadra que, aínda que non se prodiga demasiado de cara ao gol, tampouco encaixa con facilidade —marcou tan só tres tantos e encaixou outros tantos nestas primeiras seis xornadas—. Superar ese peche con paciencia e criterio será o primeiro reto.
Para o encontro, Pablo López contará coas únicas ausencias de Edgar Pujol, convocado coa selección nacional absoluta da República Dominicana, e Chema Rodríguez, que o pasado mércores, durante o Memorial Moncho Rivera, tivo que retirarse do terreo de xogo con problemas nun ombreiro tras sufrir unha caída.