Skip to main content

O noso legado

A primeira equipación do club rende este ano homenaxe ao ascenso do 2000 no seu vixésimo quinto aniversario

There are no reactions yet. Be the first!

Escribiron unha das páxinas máis gloriosas da historia actual do club. No 25.º aniversario daquela fazaña, non podiamos deixar pasar a ocasión de render unha homenaxe aos compoñentes do equipo que, na tempada 1999/00, nos levaron ao fútbol profesional e a toda unha xeración de racinguistas que mantivo o legado e o espírito nos anos escuros.

Grazas a todos eles por facer posible aquel soño e, en especial, a Alberto Pérez, Pazolo, Pablo Rodríguez, Gontxal Sueiro, Manu, Miranda, Manel e David Pérez por axudarnos a contar a súa historia, que é a nosa.

Foi un pracer reencontrarnos con Alberto, o xogador que máis veces vestiu a camisola deste club (máis de 400 ocasións); Pazolo, unha institución para a entidade, terceiro máximo goleador histórico e artífice do último gol no Inferniño e o primeiro en A Malata; Pablo Rodríguez, sempre nos nosos corazóns pola súa garra, a súa autenticidade e por ese penalti que nos fixo tocar a gloria; Sueiro, que veu para quedar, para ser un ferrolán máis, para regalarnos un gol imposible que nos deu vida aquela tarde; Manu e Manel, santo e seña do racinguismo, os que vestiron a camisola desde o berce, os que sempre estiveron e os que sempre están; e, por suposto, David Pérez, con quen corrimos a banda centos de veces aquela tempada e que agora volveu, quen sabe se para logralo de novo.