Skip to main content

O fútbol, desde outro punto de vista

A actividade está incluída nas Xornadas de Crecemento Deportivo e Persoal que organiza a Fundación Racing Club Ferrol

There are no reactions yet. Be the first!

Coñecer o fútbol desde todos os puntos de vista é fundamental para formar xogadores e xogadoras completos, capaces de desenvolver a súa actividade con confianza, respecto e coñecemento das normas que rexen o xogo.

Nesta liña de traballo, os equipos de formación do Racing participaron onte nunha actividade organizada pola Fundación Racing Club Ferrol, dentro da terceira edición das súas Xornadas de Crecemento Deportivo e Persoal, que contou coa colaboración do Concello de Ferrol, e que tivo lugar no Centro Cívico Carvalho Calero.

A sesión estivo dirixida por Ricardo Landrove, árbitro asistente en LALIGA Hypermotion e membro do Comité Técnico de Árbitros de Ferrol, quen compartiu cos integrantes da canteira racinguista a súa experiencia e coñecementos sobre o labor arbitral e as novidades regulamentarias desta tempada.

Durante o encontro, Landrove explicou en que consiste o traballo dun árbitro asistente, cales son as súas funcións dentro do equipo arbitral e como se coordinan para garantir o correcto desenvolvemento dun partido. Ademais, os xogadores e xogadoras de maior idade puideron coñecer de primeira man as novas normas e regras de xogo implantadas nas competicións federadas desta campaña.

Esta iniciativa está enmarcada na terceira edición das Xornadas de Crecemento Deportivo e Persoal que organiza a Fundación Racing Club Ferrol, un proxecto que ten como obxectivo ofrecer unha formación integral aos deportistas da Canteira Verde, fomentando valores como o respecto, a deportividade e o coñecemento profundo do fútbol desde todas as súas perspectivas.