Jotun, presente e futuro racinguista
A empresa, un dos nosos colaboradores actuais, aposta por seguir respaldando ao club
Para o Racing Club Ferrol, como entidade, é importante pór en valor o respaldo de firmas que, como Jotun, gañaron protagonismo nos últimos anos pola súa firme aposta polo noso proxecto. O seu director de Desenvolvemento de Negocio, Sergio Fernández, acompañounos este mediodía nas nosas instalacións de A Malata para reafirmar o compromiso da firma que representa, convertida en patrocinadora do partido que este domingo nos enfrontará en A Malata ao Cádiz CF.
Con presenza en máis de cen países e preto de 11.000 empregados, esta empresa norueguesa está plenamente alineada co club en cuestións de “sostibilidade e coidado do medio ambiente”, tal e como apuntaba o noso director de Marketing, Daniel Agra, quen ademais engadía que a súa colaboración é clave “para a consolidación do noso proxecto”.
Firmemente arraigada na comarca a través dos sectores naval, industrial e de eólica marítima, Jotun comparte a nosa proposta de #AEnerxíaVerde pero, sobre todo, uns valores de respecto, lealdade, coidado e valentía que, como o propio Sergio Fernández recoñecía, son facilmente proxectables ao mundo do deporte e a un club deportivo. De feito, apelaba a ese valor e a esa valentía á hora de anunciar a intención da marca de “seguir apostando polo Racing, porque o merece e porque o traballo está ben feito”. Un futuro no que posou os seus ollos nos grandes proxectos que se aveciñan, como o da construción da cidade deportiva.
Como patrocinador deste encontro, Jotun terá unha notable presenza durante toda a semana nas nosas redes sociais, ademais de en diversos soportes fixos e dinámicos.