Jesús Ruiz, xogador Estrella Galicia do mes de xaneiro
O porteiro foi seleccionado polos afeccionados por diante de Raúl Blanco e David Castro, que tamén acabaron entre os destacados.
Jesús Ruiz estrea como xogador Estrella Galicia despois de que os afeccionados do Racing Club Ferrol o elixiran como o integrante máis destacado da plantilla no mes de xaneiro. Con un 59% dos votos, o futbolista aventaxou a Raúl Blanco e David Castro, que tamén optaban ao premio.
Prudente como de costume, o porteiro agradeceu o afecto dos seguidores do club, "por este recoñecemento ao traballo" e prometeu "seguir dando o máximo de min por Racing".
Con 10 portas a cero e sendo o cuarto porteiro con máis paradas de LALIGA Hypermotion, explica que intenta illarse da situación que vive no equipo, "aínda que pareza un pouco egoísta, metome na miña burbulla porque é a única forma de dar o máximo polo ben do equipo".
Unha receita que tamén debe aplicar o equipo á hora de enfrontar o que resta de competición. "Nós temos que illarnos dos demais. Gañar partidos, independentemente do que faga o resto. O foco ten que estar en nós mesmos e non estar pendentes de ninguén", resume.
Aínda que a derrota ante o CD Castellón foi "un mazazo", porque "non había ninguén no vestiario que pensase que fósemos perder". Aínda así, diso "debemos aprender, porque esta semana temos un partido moi complicado e debemos dar a nosa mellor versión".
A nivel individual, insiste en que "estou moi cómodo e moi contento en Racing" e cre que esa é a clave do seu rendemento.