Hugo Cabezón, Diego Cabana e Xabi Robles, con Galicia no Campionato de España
Os dous primeiros competirán en categoría sub 16 e o último na sub 14.
Hugo Cabezón e Diego Cabana formarán parte do combinado galego sub-16, mentres que Xabi Robles competirá no sub-14.
Os tres afrontan un torneo que este ano cambia de formato, e no que as 19 seleccións participantes estarán divididas en dúas categorías.
En función dos resultados dos últimos anos, Galicia quedou encadrada na Segunda División, concretamente no Grupo 1, cuxa sede nesta fase inicial será Poio.
A Irmandiña exercerá, polo tanto, de anfitrioa neste primeiro tramo do campionato, no que o venres medirase a Canarias, o sábado a Asturias e pechará a súa participación o domingo fronte a Melilla.
Todos os encontros serán ofrecidos en directo a través do canal de Youtube da RFEF, e da páxina web do ente federativo.
Hugo Cabezón, Diego Cabana e Xabi Robles participaron nas últimas semanas nas concentracións preparatorias convocadas pola Federación Galega, gañándose a confianza dos seus seleccionadores para entrar nesta convocatoria definitiva.