Skip to main content
Cantera

Arrinca a tempada para a canteira racinguista

Seis equipos de formación debutan esta fin de semana nas súas respectivas competicións, con estreas destacadas en División de Honra e o firme compromiso de seguir medrando.

There are no reactions yet. Be the first!

Tras semanas de posta a punto, seis dos nosos equipos de formación comezan esta fin de semana a competición ligueira. A tempada arranca para a canteira racinguista rebordante de ilusión, con aspiracións no deportivo pero, sobre todo, cun firme compromiso coa formación e co crecemento da nosa estrutura.

Mañá sábado asistiremos ao ansiado debut do noso xuvenil A na División de Honra. Un estreo por todo o alto en O Pote, cun partido de máxima rivalidade ante o CD Lugo. Nacho García estará de novo á fronte dun equipo continuísta, cuxa columna vertebral está formada por xogadores do club, que seguen do pasado ano ou se incorporan procedentes da categoría cadete. Un núcleo forte que se viu reforzado coa chegada de catro incorporacións. Asentarse na categoría é, a priori, o gran obxectivo dunha formación que aspira a facer do traballo, a competitividade e a cohesión do grupo as súas grandes armas.

Non será o único dos nosos equipos que xogue en División de Honra esta campaña. O cadete A, que se enfronta mañá en A Madroa ao RC Celta de Vigo, tamén se estrea na categoría; mentres que o infantil A, que debuta mañá en A Gándara fronte á AJ Lérez, repite na máxima competición.

Será o cadete B, que milita en Primeira Futgal, o encargado de abrir a tempada esta mesma tarde en A Gándara, recibindo a O Val. E, para completar a grella desta fin de semana, o xuvenil B de Preferente Futgal visita mañá ao Bergantiños e o infantil B, tamén de Preferente, desprazarase o domingo para medirse ao Sada CF.

Veteranos

Haberá tamén estreo para os nosos veteranos, que comezan o campionato ligueiro en División de Honra o domingo, en Aneiros, ante o Penouqueira SRD, no que será a revancha da final da Supercopa Autonómica disputada recentemente.