A canteira racinguista non se detén no Nadal: torneos para seguir medrando
Os equipos da canteira disputarán varios torneos de Nadal durante os próximos días, mantendo a actividade competitiva nestas datas especiais.
O Nadal volve ser sinónimo de fútbol para a canteira do Racing Club Ferrol. Durante os próximos días, varios dos nosos equipos de base participarán en distintos torneos repartidos pola xeografía galega, unha oportunidade perfecta para seguir medrando, competir e gozar do deporte nunhas datas tan especiais.
O equipo Alevín afrontará un esixente calendario con ata tres citas destacadas. Na xornada de hoxe, 26 de decembro, está a participar no XVIII Torneo de Nadal Ural, mentres que dentro de dous días, o 28 de decembro, será a quenda do Torneo Solidario "Choco Cup", unha competición na que os nosos mozos racinguistas se medirán a algunhas das mellores canteiras da comunidade. Xa no mes de xaneiro, o día 3, pecharán a súa participación do Nadal no IV Torneo Memorial Epifanio Campo, poñendo o broche final a uns días de intenso fútbol.
Pola súa banda, o Infantil B tomará parte o 28 de decembro no Torneo Patada Solidaria de Moaña, unha cita que combina deporte e valores, e na que o Racing Club Ferrol compartirá protagonismo con outros clubs nunha xornada marcada polo compañeirismo e a deportividade. O torneo disputarase ao longo da tarde, cunha fase de grupos seguida de semifinais e final na mesma xornada.
O Infantil A, en cambio, entrará en escena o 3 de xaneiro, participando no Torneo Internacional "II Calasancio Cup", unha nova proba competitiva para seguir acumulando experiencia e minutos de calidade antes de retomar a competición oficial.