Éxito de participación no encontro solidario con xogadores no Centro Comercial Odeón
A campaña de Nadal de recollida de xoguetes e libros que a Fundación Racing Club Ferrol desenvolve en colaboración co Concello de Ferrol e a OJE viviu este xoves un dos seus momentos máis especiais coa presenza de tres xogadores do primeiro equipo no Centro Comercial Odeón.
Edgar Pujol, Azael e Álvaro Peña compartiron a tarde con decenas de afeccionados e familias que se achegaron para saudalos, fotografarse con eles e, sobre todo, para achegar a súa doazón solidaria. O encontro superou todas as expectativas e permitiu reunir unha gran cantidade de xoguetes e libros que se suman aos xa recollidos durante estes días nas oficinas da Malata.
Desde a Fundación queremos agradecer profundamente a resposta de toda a afección racinguista e da cidadanía de Ferrolterra, que un ano máis demostra o seu compromiso para que ningún neno ou nena quede sen un agasallo o Día de Reis. Cada achega conta, e o volume de doazóns recibidas ata o momento confirma o éxito desta iniciativa conxunta coa OJE.
A campaña terá o seu acto final este domingo día 14, coincidindo co encontro ante o Unionistas de Salamanca (16:00 h). Durante o partido, voluntarios da organización estarán presentes en todos os accesos da Malata para seguir recollendo xoguetes e libros.
Facemos un chamamento á nosa afección para que A Malata volva demostrar que o Racing tamén xoga os partidos máis importantes fóra do terreo de xogo.
Contamos convosco para encher de sorrisos este Día de Reis.