Skip to main content

Enerxía renovada na visita á SD Ponferradina

O Racing estará acompañado no Toralín por case 300 afeccionados

There are no reactions yet. Be the first!

Arranca unha nova etapa para o Racing Club Ferrol con Guillermo Fernández Romo ao timón. O cadro verde estrea técnico no ecuador da competición, xusto no partido co que arranca a segunda volta do campionato. Faino no Toralín, ante a SD Ponferradina (21.00 horas), nun duelo entre dous equipos que ao principio do campionato aspiraban a máis e que, precisamente, afrontan o segundo tramo da competición coa ilusión de reconducir a súa traxectoria para achegarse aos seus obxectivos.

A expectación que se deriva sempre de calquera cambio mestúrase no caso dos ferroláns coa responsabilidade, conscientes de que, como o seu propio técnico advertía na previa, «temos que reaccionar en xogo e resultados». Estar fóra dos postos de play-off é, a estas alturas, unha anécdota para o Racing, pero afianzar o seu xogo, fortalecer a súa mente e mellorar o rendemento son prioritarios na súa folla de ruta. A partir de aí, ascender na táboa será a consecuencia.

O mesmo busca a Deportiva Ponferradina, aliviada tras a súa última vitoria ante o Ourense CF, pero necesitada de manterse nunha liña positiva.

Para a contenda, serán baixas seguras nas filas racinguistas os lesionados Sergio Tejera e Markel Artetxe, e o sancionado Migue Leal.

No caso da SD Ponferradina, a gran novidade é a desvinculación definitiva de Álex Mula. Tampouco adestrou esta semana Kysil. Así mesmo, Andújar, por sanción, tamén perderá o duelo. Pola contra, volve ao equipo Nóvoa e estréase Erik Morán, a súa última incorporación.

Afeccionados

O Racing non estará, nin moito menos, só no Toralín. A afección racinguista volve demostrar o seu incondicional respaldo ao equipo cun desprazamento que levará á capital do Bierzo a case 300 seguidores.

Un respaldo que será determinante para impulsar ao equipo neste complicado partido.