Skip to main content
Endika Buján: "Quero axudar ao máximo ao equipo para loitar polo ansiado ascenso"

O extremo destaca a acollida que atopou na súa primeira experiencia fóra da casa e asegura que chega coa intención de axudar ao equipo a loitar polo ascenso

There are no reactions yet. Be the first!

A adaptación a un novo entorno e, especialmente, a acollida que atopou dentro do vestiario están sendo protagonistas nos primeiros días de Endika Buján como racinguista. O extremo recoñeceu durante a súa presentación que afrontar a súa primeira experiencia fóra da casa "non é doado", aínda que destacou a axuda que está a recibir desde a súa chegada e, especialmente, o papel dos futbolistas máis veteranos.

"Hai un gran vestiario, pero eu quedo sobre todo coa axuda que nos prestan os veteranos, como Dani, Jesús ou Fabio aos máis novos. Están moi pendentes de nós e póñennos as pilas", explicou Endika, que definiu o grupo como "moi próximo". Unha adaptación que está a vivir ademais dentro dun entorno que considera "moi profesional", no que "se adestra ao máximo nivel e vaise competir tamén ao máximo".

O director de Fútbol do Racing Club Ferrol, Álex Vázquez, foi o encargado de presentar ao novo futbolista e destacou precisamente a súa xuventude, a súa ambición e as súas condicións para o xogo ofensivo. Vázquez puxo en valor a súa capacidade para encarar e desbordar, a súa velocidade e as posibilidades que ofrece ao equipo en ataque. "Temos moitas esperanzas postas nel. Sabemos que é un xogador que nos vai facer gozar", sinalou.

Endika explicou tamén que se sente cómodo coa proposta futbolística de Javi Vázquez. "Síntome cómodo co plantexamento do adestrador: de ir arriba, loitar constantemente, facer presión se se pode e chegar o máis rápido posible arriba", afirmou. Unha idea de xogo que encaixa co perfil dun futbolista que busca explotar a súa velocidade e a súa capacidade para superar rivais no un contra un.

A competencia dentro do plantel é outro dos aspectos que o extremo considera importantes para seguir medrando. "Se non tes competencia é difícil dar o salto e render ao máximo nivel", sinalou. Nese contexto, asegurou sentirse tranquilo a pesar da expectación xerada arredor da súa chegada: "Tanto a dirección de fútbol como o míster dinme que xogue como sei, como se estivese no patio do colexio", apuntaba.

O novo xogador racinguista afronta así os seus primeiros días en Ferrol coa intención de seguir medrando e achegar desde o primeiro momento. "Veño para demostrar á afección e ao míster que podo facelo ben", explicou, antes de deixar claro o obxectivo co que afronta esta nova etapa: "Eu veño coa mentalidade de axudar ao máximo ao equipo e lograr ese ansiado ascenso".