Edommo, novo aliado racinguista
A firma protagonizará o partido patrocinado desta fin de semana ante o CP Cacereño
Contar con compañías que apostan de forma decidida polo Racing Club Ferrol é fundamental para seguir consolidando un proxecto ambicioso e con percorrido. Edommo sumouse esta tempada a esa rede de aliados estratéxicos.
A firma será protagonista do próximo partido patrocinado, que disputaremos este domingo, ás 20.30 horas, na Malata, fronte ao Club Polideportivo Cacereño, e cuxa presentación se celebrou esta mañá nas oficinas do club na Malata.
Neste acto, o director de Márketing do club, Daniel Agra, deu a benvida a Francisco Manuel López Usina, CEO de Edommo, poñendo en valor a confianza que depositou no Racing ao vincular a súa marca ao crecemento deportivo e social da entidade.
Agra destacou a importancia de contar con empresas que se identifican coa filosofía e o rumbo do Racing, compartindo valores como a proximidade coa afección, a aposta por Ferrolterra e a vocación de construír futuro da man do club.
Este acordo enmárcase, ademais, na estratexia que o Racing desenvolve cos membros do seu Club de Empresas RCF 1919, onde se fomenta a xeración de sinerxías, a visibilidade das marcas e a súa participación en diferentes iniciativas deportivas e sociais. "Cremos no impacto que ten o Racing na comarca: une, inspira e xera orgullo", explicaba Francisco Manuel López ao explicar o porqué desta aposta polo club, asegurando que se trata dunha "alianza a longo prazo".
Estamos "identificados cos valores que transmite o club e, ademais, gústanos traballar con proxectos que teñen aquí as súas raíces, pero ademais contan con visión de futuro", insistía.
Un compromiso que no caso de Edommo verase incrementado coa apertura dunha nova oficina na Rúa Real.
Como patrocinador destacado do encontro fronte ao CP Cacereño, Edommo contará, entre outras contraprestacións, cunha presenza reforzada en soportes físicos e dixitais, tanto no estadio da Malata como nos canais oficiais do club.
A firma disporá de visibilidade especial durante o partido e nas activacións de comunicación asociadas ao mesmo.