Skip to main content

David Concha convértese no novo xogador do Racing Club Ferrol

O futbolista cántabro, que procede do Nàstic, xa adestrará mañá ás órdenes de Pablo López

There are no reactions yet. Be the first!

O Racing Club Ferrol pechou a incorporación de David Concha (Santander, 1996), que chega procedente do Nàstic de Tarragona e poñerase mañá mesmo ás órdenes de Pablo López. O extremo cántabro vestirá de verde esta tempada co obxectivo de reforzar o ataque ferrolán.

Zurdo con facilidade para xogar en ambas bandas, Concha formouse na canteira do Real Racing Club, co que debutou no primeiro equipo. Tras destacar en Santander e proclamarse campión de Europa Sub-19 con España, fichou pola Real Sociedad. No club donostiarra alternou minutos en Primeira con cesións ao Numancia, Barcelona Atlètic e Gamba Osaka (Xapón). Posteriormente defendeu a camiseta do CD Badajoz, onde estivo dúas tempadas e media, e probou sorte en Suecia co Hammarby antes de regresar a España para enrolarse no Nàstic.

Concha acumula máis de 200 partidos oficiais e preto de 12.000 minutos entre todas as categorías do fútbol español. Na súa última etapa en Tarragona disputou 56 encontros, asinando sete goles e catro asistencias.

Rápido, con desborde, visión de xogo e un golpeo preciso, o cántabro está chamado a converterse nunha peza importante do esquema de Pablo López.

Benvido ao Racing, David. Ferrol xa te espera.