¡Comezamos!
Parte da plantilla pasou esta mañá controis médicos e diversas probas físicas
Presentacións, charlas, probas físicas, controis médicos, primeiras tomadas de contacto, pero, sobre todo, moita ilusión e enerxía positiva. Así transcorreu a primeira xornada desta pretemporada 2025/26. Unha sesión na que pasaron por A Malata algunhas das novas incorporacións da plantilla, como César Fernández, Jairo Noriega ou Antón Escobar. Tamén rostros coñecidos, como David Carballo, así como os xuvenís Joel Tenreiro e Rubén Piñón.
O Hospital Ribera Juan Cardona foi o escenario, á primeira hora da mañá, de algúns deses exames médicos. Logo, os futbolistas trasladáronse a A Malata para completar outros controis baixo a supervisión de persoal do equipo médico do club. Nas súas primeiras horas como racinguistas, os futbolistas tamén realizaron probas programadas polo preparador físico Kiko Corredoira e o seu equipo.
Mañá chegarán Álex Zalaya, Pascu, Miquel Parera e Álvaro Juan. Xunto con eles, completarán as probas os xuvenís Joel Ferreira e Antón Álvarez.