Skip to main content
Primer Equipo

Azael García, talento galego para o Racing

O club priorizará o crecemento deportivo do futbolista nun contexto a medio prazo

There are no reactions yet. Be the first!

Azael García (Lugo, 2004) converteuse no novo xogador do Racing Club Ferrol. O futbolista lucense, que chega procedente da SD Sarriana, púxose esta mesma mañá ás órdenes do técnico Pablo López para afrontar a súa primeira sesión de adestramento.

Con 21 anos, este mediapunta que pasou polas canteiras do CD Lugo, Real Celta e Valencia CF antes de recalar xa como sénior no Valencia Mestalla e o Pontevedra, atopou a pasada tempada na SD Sarriana o escenario perfecto para despregar todo o seu talento. Con case 3.000 minutos e oito tantos, foi un dos destacados no ascenso do conxunto lucense a Segunda Federación.

A súa habilidade técnica e talento ofensivo, tanto en condución como para anotar desde segunda liña, ademais da súa profunda comprensión do xogo, convérteno nun xogador de gran potencial e proxección. Unha peza que encaixa á perfección no futuro a medio prazo do noso club, disposto a apostar decididamente por novos valores do fútbol galego.

Durante as próximas semanas, a dirección deportiva e o corpo técnico racinguista estudarán o mellor escenario posible para favorecer o crecemento deportivo de Azael, priorizando que dispoña de minutos e continuidade.