Skip to main content

AM Inmobiliaria renova o seu compromiso co Racing

A firma será a protagonista do partido patrocinado fronte ao CD Tenerife deste sábado

There are no reactions yet. Be the first!

Con orgullo e sumando esforzos para recuperar a ilusión, AM Inmobiliaria renovou esta tempada o seu compromiso co Racing Club Ferrol.
Unha alianza que vén de lonxe e que foi evolucionando para adaptarse ás necesidades da firma e tamén a unha metodoloxía de traballo excelente cos nosos patrocinadores.

Así o explicaba Daniel Agra, director de Marketing do club, ao destacar os valores e a historia de AM Inmobiliaria e explicar como ese compromiso se vertebra a través da estratexia que o club desenvolve para os membros do seu Club de Empresas “RCF 1919”, baseada en catro eixes.
Unhas liñas mestras que abarcan desde a Responsabilidade Social Empresarial, reflectida na colaboración da firma coa canteira e outros proxectos sociais por medio da Fundación Racing Club Ferrol, da que será mecenas; ata a experiencia de patrocinadores, pasando pola visibilidade e as oportunidades de negocio.

“Para min, persoalmente, e para a miña empresa é un orgullo apoiar este proxecto, que todos vivimos con moita ilusión e confiamos en que vai saír ben”, explicaba Pablo López, xerente de AM Inmobiliaria, durante a presentación oficial deste patrocinio.
“Tamén é un orgullo facelo como unha empresa local que respalda ao club”, insistía, antes de facer un chamamento aos afeccionados para converter o estadio “nunha pota a presión” no partido do sábado ante o CD Tenerife.

Como protagonista deste encontro, e entre outras contraprestacións, a firma obterá unha maior visibilidade en soportes físicos e dixitais, tanto no estadio como nas nosas redes sociais.