Skip to main content
Álvaro Ramón seguirá vestindo de verde

A renovación do futbolista berciano obedece tanto ao seu rendemento sobre o céspede como á súa conexión coa afección racinguista

There are no reactions yet. Be the first!

O Racing Club Ferrol e Álvaro Ramón (Ponferrada, 2000) alcanzaron un acordo para ampliar a súa vinculación unha tempada máis. A renovación, unha das prioridades da dirección de fútbol, responde tanto ao rendemento ofrecido sobre o céspede como á conexión que o futbolista berciano soubo xerar co racinguismo.

Álvaro Ramón, que chegou a Ferrol o pasado verán procedente da SD Ponferradina e tras pasar por clubs como o Celta Fortuna, a AD Mérida ou o CD Arenteiro, foi un dos xogadores que experimentou un maior crecemento dentro do cadro verde. O seu rendemento destacou tanto pola regularidade como pola súa capacidade para interpretar distintos roles: foi un futbolista útil en múltiples escenarios, aportando equilibrio, sacrificio defensivo, criterio co balón e un crecente protagonismo ofensivo. De feito, nos 34 partidos que disputou —32 deles como titular—, con 2.855 minutos ás súas costas, asinou tres goles, algúns deles de gran factura.

Un dos aspectos máis salientables da súa primeira etapa en Ferrol foi a sintonía coa afección. Dende as súas primeiras actuacións, Álvaro Ramón soubo gañarse o respecto e o recoñecemento da bancada, que valorou especialmente a súa entrega e a súa implicación en cada acción. Proba diso é que a afección elixiuno como Xogador Estrela Galicia da tempada 25/26.

O Racing celebra a súa continuidade asumindo que será unha peza importante tanto dentro como fóra do campo no proxecto que lidera Javier Vázquez.