Skip to main content

A Malata, epicentro da nosa Operación Xoguete

O club colabora coa OJE nunha campaña que se prolongará durante toda a próxima semana

There are no reactions yet. Be the first!

A Fundación Racing Club Ferrol, en colaboración co Concello de Ferrol, volve participar na tradicional campaña de Nadal de recollida de xoguetes promovida pola OJE Ferrol. Nesta edición, o club desexa reforzar a súa implicación e ampliar os canais de colaboración co obxectivo de incrementar o alcance solidario da iniciativa.

Do martes 9 ao venres 12, as nosas oficinas da Malata serán punto oficial de recollida de xoguetes e libros pero, ademais, de bos desexos. Na entrada das instalacións, xunto á nosa árbore de Nadal, habilitamos un pequeno buzón para que poidades depositar as vosas mensaxes máis especiais. Cada achega será recompensada con participacións para o sorteo dun artigo do club.

Así mesmo, varios xogadores do primeiro equipo participarán o xoves 11 nun encontro con afeccionados no Centro Comercial Odeón. Todas as persoas que acudan cun libro ou un xoguete para doar poderán compartir ese momento cos nosos futbolistas.

O acto final desta acción solidaria desenvolverase o domingo día 14, coincidindo co encontro que disputaremos ás 16:00 horas ante o Unionistas de Salamanca. Durante o partido, voluntarios da entidade estarán presentes en todos os accesos do estadio para recoller os xoguetes e libros entregados polos asistentes.

Desde o club facemos un chamamento a toda a nosa masa social e, en xeral, á cidadanía de Ferrolterra, para apoiar unha iniciativa cuxo propósito é que ningún neno ou nena quede sen un sorriso no Día de Reis.

A OJE, a través da súa delegación en Ferrol, atendeu nos últimos anos a máis de 400 menores da comarca, con idades comprendidas entre os 0 e os 12 anos, garantindo que cada un deles reciba un agasallo adecuado ás súas necesidades e preferencias.

Ademais das achegas materiais, a organización contempla a posibilidade de realizar patrocinios en efectivo. Calquera colaboración pode xestionarse a través do correo operacionjugueteojeferrol@gmail.com.