O Racing Club Ferrol presenta a súa segunda equipación para a tempada 2026/27, unha proposta sobria e elegante inspirada na idea de que hai camisolas capaces de encaixar en calquera escenario.
Hai camisetas nacidas para xogar ao fútbol. Outras, simplemente, encaixan en calquera escenario.
Esa é a idea que inspira a segunda equipación do Racing Club Ferrol para a tempada 2026/27, presentada da man de adidas nun escenario tan emblemático como o Teatro Jofre. Un edificio que comparte con esta camiseta unha forma de entender a sobriedade: sen estridencias, sen excesos e coa personalidade suficiente para non ter que chamar a atención.
O branco volve ser o gran protagonista do deseño. Unha finísima liña vertical en verde escuro percorre o frontal da camiseta, mentres que os distintivos de adidas e os patrocinadores intégranse nese mesmo ton para manter a harmonía do conxunto. Como xa sucede coa primeira equipación, o pescozo volve formar parte do deseño como un deses detalles clásicos que nunca pasan de moda.
A segunda equipación mantén tamén o fío condutor desta colección a través da cuncha de peregrino dourada xunto ao ano de fundación do club, 1919. Un pequeno detalle que volve render homenaxe a Ferrol como punto de partida do Camiño Inglés e que conecta as tres equipacións baixo unha mesma identidade.
O Teatro Jofre non foi un escenario elixido ao azar. A súa historia, a súa arquitectura e o protagonismo que ocupa na vida cultural da cidade converten este edificio no mellor reflexo do carácter dunha camiseta concibida para transcender o fútbol e acompañar ao racinguismo dentro e fóra da Malata.
A branca, outra historia.