Skip to main content
Image

ADN RACINGUISTA

A Fundación Racing Club Ferrol nace o 30 de abril de 2003 co propósito de promover o deporte como motor de desenvolvemento social, educativo e cultural, reforzando ao mesmo tempo a identidade e os valores que representa o club na súa contorna. A través dunha firme aposta polo fútbol base, impulsa a participación de nenos e nenas nas distintas categorías formativas, favorecendo o seu crecemento tanto deportivo como persoal.

Comprometida cos valores esenciais do deporte —respecto, esforzo, responsabilidade, traballo en equipo e superación—, a Fundación traballa para contribuír a unha formación integral da mocidade. Así mesmo, desenvolve iniciativas de carácter social que, mediante o deporte e a cultura, fomentan a inclusión, a cohesión e o benestar da comunidade vinculada ao Racing Club Ferrol.

ÁMBITOS DE ACTUACIÓN

COÑÉCENOS

A xunta xeral de accionistas do Racing Club de Ferrol S.A.D., celebrada o 11 de outubro de 2002, autorizou ao Consello de Administración para constituír a FUNDACIÓN RACING CLUB FERROL. O 30 de abril de 2003 nun acto público celebrado no Salón de Sesións do Concello de Ferrol, procédese á sinatura da acta fundacional da Fundación Racing Club Ferrol ante D. Manuel Aceituno Pérez, -Notario do Ilustre Colexio de Galicia-

A FUNDACIÓN RACING CLUB FERROL, é unha entidade sen ánimo de lucro, declarada pola Xunta de Galicia de interese galego e está inscrita no Rexistro do Padroado Municipal de Deportes do Concello de Ferrol co número 169.

Tal e como recolle a súa acta fundacional, a FUNDACIÓN ten por obxecto primordial o desenvolvemento e fomento do deporte, e dun modo especial o fútbol, en todos os seus ámbitos, encamiñado á revitalización do Racing Club de Ferrol e a mellorar a súa imaxe interna e externa.

Para a súa consecución, executará, potenciará e proporá:

      • Promover, difundir e apoiar o deporte de base, especialmente o fútbol coa creación de escolas de fútbol e fútbol sala para nenos e nenas e a creación e a participación de diferentes equipos nos campionatos das categorías de base, todo iso dentro dun espírito de claro estímulo dos máis elevados valores deportivos e humanos.
      • Organizar e participar en congresos, xornadas, seminarios, coloquios, másteres, conferencias, debates e charlas nas que se aborden cuestións relacionadas co deporte.
      • Organizar e executar iniciativas de formación en materia deportiva, tales como cursos prácticos e teóricos de fútbol.
      • Completar a educación dos mozos deportistas a través da organización de cursos, por exemplo, de idiomas, informática, etc.
      • Promover e organizar eventos deportivos-culturais, e concursos de escultura, pintura, fotografía, etc. relacionados co deporte, e conceder premios e incentivos.
      • Conceder axudas e bolsas para facilitar o acceso ao deporte e á cultura dos mozos.
      • Crear, organizar e xestionar o Museo do Racing Club de Ferrol, para recuperar e preservar a historia do Racing.
      • Producir e editar publicacións, así como distribuír produtos relacionados co patrimonio cultural e deportivo do Racing Club de Ferrol, para promocionar a imaxe do Club.
      • Promover o estudo para a creación de Residencia e Albergues, para facilitar o aloxamento de deportistas e equipos.
      • Contrastar criterios e experiencia a nivel nacional e supranacional con outras Fundacións, Clubes, Federacións, Asociacións, Institucións e Sociedades de dereito público ou privado, nacionais ou estranxeiras, cando iso poida redundar en beneficio da promoción e desenvolvemento do deporte e a cultura, e moi especialmente relacionada co fútbol.
      • Realizar as demais funcións de análoga natureza ás anteriores que se consideren convenientes ao cumprimento dos fins da fundación.

PADROADO

Presidente 

D. Juan Pazos García

Vicepresidenta

Dna. Socorro Rivera Quintana

Tesoureiro

D. José María Criado Labajo

Secretario

D. Eduardo Ferreiro Pérez

INSTALACIÓNS

A Fundación Racing Club Ferrol conta coas instalacións do Complexo Deportivo da Malata, de propiedade municipal (cedidas ao Racing Club de Ferrol S.A.D., mediante convenio), e que dispón de Almacéns, Vestiarios, Ximnasio e dous Campos de Fútbol-11 de herba natural, o principal de 105 x 68 metros e con bancadas cubertas para 12.042 espectadores sentados, e o anexo de 93 x 58.5 metros.

O 1 de abril de 2025, a Fundación Racing Club Ferrol adquiriu ao Concello de Ferrol unha parcela de 120.099 m² na parroquia de Mandiá por valor de 550.517 € co propósito de construír nela a nova cidade deportiva do Racing Club Ferrol. 

Un proxecto clave no plan estratéxico do club, que o dotará duns equipamentos de traballo acordes ás necesidades do fútbol profesional, ademais de proporcionarlle as ferramentas necesarias para o desenvolvemento axeitado da nosa canteira.

En novembro de 2025 comezaron as obras da nova Cidade Deportiva, que se desenvolverán en catro fases, cun investimento global que superará os doce millóns de euros.

A primeira delas, á que se destinarán máis de cinco millóns de euros, contempla a construción de dous campos de adestramento: un de céspede natural híbrido destinado ao primeiro equipo e outro de céspede sintético de última xeración orientado ás categorías de formación, que poderá empregarse tamén para competicións de base.

Así mesmo, rehabilitarase un dos edificios xa existentes, o principal, con forma de “H” e situado á entrada do recinto, que acollerá vestiarios, ximnasio, enfermaría, lavandaría e diversas áreas técnicas de apoio ao traballo diario.

En fases posteriores, a Cidade Deportiva continuará medrando con novos campos de adestramento, zonas específicas para o fútbol formativo, dependencias destinadas a cociña e comedor, oficinas administrativas, unha área de prensa e, finalmente, unha residencia para xogadores.

Image

CONTACTO

Se queres poñerte en contacto con nós:

Escríbenos un correo electrónico: fundacion@racingclubferrol.net

Chámanos por teléfono: 981 32 33 00