Último partido como local para o Racing
Recibimos mañá domingo na Malata ao Osasuna Promesas
A penúltima xornada de liga, que mañá enfrontará ao Racing con Osasuna Promesas (17.00 horas), supón a despedida desta tempada do cadro verde ante a súa afección. O pano baixarase en A Malata neste exercicio cun duelo no que os pupilos de Guillermo Fernández Romo tratarán de espremer as súas últimas opcións de clasificarse para a Copa do Rei.
Unha meta que pasa por gañar os dous últimos partidos do campionato e esperar a que os seus rivais directos “pinchen”.
Despois de catro xornadas sen coñecer a derrota (unha vitoria e tres empates), o cadro verde quere prolongar a que é case a mellor serie que tivo nesta campaña ante un adversario que se xoga en A Malata a permanencia.
Igualar a intensidade e motivación que iso insuflará aos vermellos é a primeira premisa que o Racing deberá cumprir para potenciar as súas opcións.
Para o encontro, o técnico contará coa única ausencia de Álvaro Mardones, que se perderá por lesión o que resta de tempada.