O extremo recibiu o trofeo de mans de Antón Romero, o afeccionado gañador do sorteo entre quen participou na votación
Convertido nun dos grandes referentes na construción do xogo ofensivo e autor de un gol e unha asistencia no último mes, Dani Ojeda viu recoñecido o seu bo rendemento pola afección racinguista, que o elixiu como Xogador Estrela Galicia do mes de outubro. O futbolista canario obtivo o 50,7 % dos votos, por diante de Endika Buján, que sumou o 40,3 %, e de Roberto Arroyo, que completou a terna de candidatos cun 9 %.
Ojeda agradeceu o apoio dos afeccionados e falou tamén en nome do vestiario ao asegurar que tanto el como os seus compañeiros son "moi conscientes do sufrimento que padeceu a afección nos últimos anos e do escudo que representamos. Sabemos o esforzo que se require pola nosa parte para devolverlles ese agarimo", engadiu.
Esta vez, o galardón tivo un protagonista máis.
Coa elección do mellor xogador de outubro estreábase o novo formato do premio que concede o noso patrocinador, Estrela Galicia, e que propiciou que esta tarde Antón Romero, un dos nosos afeccionados, fose o encargado de entregar o trofeo. Romero resultou gañador do sorteo realizado entre todos os racinguistas que, co seu voto a través de X, axudaron a elixir o mellor xogador do mes. Ademais de protagonizar a entrega, Antón levou un dos chaveiros conmemorativos do premio e unha entrada dobre para o partido do próximo domingo 29 ante a AD Mérida na Malata, con acceso á Área 1919.