Skip to main content

Pablo López ocupará o banco do Racing na próxima tempada

David Pérez, como asistente, e Roberto Valeiro, como adestrador de porteiro, acompañarano como parte do seu corpo técnico.

There are no reactions yet. Be the first!

Pablo López Vidal (A Coruña, 1977) dirixirá ao Racing Club Ferrol a próxima tempada. O adestrador herculino, que será presentado mañá, chega acompañado por David Pérez como asistente, por Roberto Valeiro, que exercerá de adestrador de porteiro, e por Kiko Corredoira, como preparador físico.

O técnico coñece á perfección a entidade, da que formou parte dende xullo de 2020 ata o pasado mes de novembro. Nese tempo, formou parte dos equipos de traballo de Emilio Larraz e Cristóbal Parralo. Nas dúas últimas tempadas, e ata que fichou polo Ourense CF, Pablo López desempeñou traballos de scouting como adxunto á dirección deportiva do club.

Pablo López é un experto coñecedor do fútbol galego e nacional. Iniciouse nos bancos en 2015, tras poñer fin á súa carreira como xogador no CD As Pontes. No club pontés arrincou a súa etapa como adestrador, dirixindo ao equipo xuvenil e posteriormente ao primeiro equipo. En 2016, incorporouse ao Deportivo da Coruña como adestrador do Xuvenil B, e en 2018 ascendeu ao primeiro equipo como asistente de Clarence Seedorf.

A súa colaboración con Seedorf continuou na selección nacional de Camerún, onde foi segundo entre 2018 e 2019. Tras a súa etapa en Ferrol, en novembro de 2024, asumiu o cargo de adestrador do Ourense CF, onde logrou unha notable mellora no rendemento do equipo, que ratificou a permanencia en 1ª RFEF.

López distínguese polo seu enfoque táctico detallado e pola súa habilidade para adaptarse ás fortalezas dos seus xogadores, así como por realizar un análise exhaustivo dos datos.

Agradecemento

Dende o Racing Club Ferrol queremos agradecer profundamente ao técnico Alejandro Menéndez, quen estivo ao fronte do equipo nos últimos meses, o seu esforzo e entrega nos duros momentos deportivos que vivimos esta tempada. Aínda que o obxectivo non se alcanzase, o seu traballo e o do seu segundo, Carlos Pérez Salvachúa, foi impecable.

Un agradecemento que facemos extensible tamén a César Caamaño e Luis Rodríguez Fandiño, quen nas dúas últimas tempadas foron pezas fundamentais do noso corpo técnico dende os seus postos de adestrador de porteiro e preparador físico. Extinguida a súa vinculación coa entidade, a todos eles desexámoslles a mellor das sortes nos seus próximos retos profesionais.