Skip to main content
O Racing Club Ferrol e a Cultural Maniños acordan reforzar o fútbol feminino da comarca

O equipo senior feminino do club fenés integrarase na nosa estrutura deportiva

There are no reactions yet. Be the first!

O Racing Club Ferrol e a Cultural Maniños alcanzaron un acordo de colaboración polo que o club ferrolán incorporará á súa estrutura deportiva ao equipo senior feminino da entidade de O Pote, que compite na Segunda División Galega.

Esta decisión responde a un obxectivo compartido por ambos clubs: garantir a continuidade deportiva das xogadoras e seguir impulsando o crecemento do fútbol feminino na comarca.

Nos últimos meses, a Cultural Maniños traballou para manter en competición ao seu equipo senior. Porén, as dificultades para reunir un cadro con suficientes efectivos facían moi complicado dar continuidade ao proxecto nas condicións que o club consideraba axeitadas. Ante esa situación, ambas entidades comezaron a estudar distintas alternativas ata atopar unha solución que permitise que as futbolistas seguisen competindo e que o traballo desenvolvido durante estes anos non se perdese.

Ese camiño desemboca agora nun acordo que beneficia ás dúas entidades. Por unha banda, as xogadoras procedentes da Cultural Maniños poderán continuar competindo en categoría senior dentro dun proxecto con vocación de crecemento. Por outra banda, o Racing Club Ferrol completa a súa estrutura de fútbol feminino cun equipo senior, un paso que permitirá dar continuidade ao proceso formativo das futbolistas que actualmente integran os seus equipos infantil e cadete, ofrecéndolles unha saída natural unha vez rematada a súa etapa de base.

Ambos clubs consideran que este acordo representa un exemplo de colaboración entre entidades deportivas en beneficio do interese xeral do fútbol feminino. O obxectivo compartido foi ofrecer ás xogadoras a mellor solución posible e contribuír a que cada vez máis nenas e mulleres poidan iniciarse, formarse e continuar practicando este deporte na comarca.