O ataque afectou datos persoais de usuarios rexistrados en servizos dixitais de LALIGA e dalgúns clubs, entre eles o Racing Club Ferrol
Desde o Racing Club Ferrol queremos informar aos nosos abonados e afeccionados de que LALIGA sufriu un ciberataque nunha das súas plataformas tecnolóxicas de servizos a afeccionados. Entre os días 14 e 16 de novembro, un ciberdelincuente accedeu de forma ilexítima a dita plataforma e extraeu datos persoais de usuarios rexistrados en servizos dixitais de LALIGA e dalgúns clubs, entre eles o Racing Club Ferrol.
Segundo nos informou LALIGA, os seus equipos de seguridade identificaron a orixe do acceso e o 16 de novembro aplicaron todas as medidas necesarias para conter o ataque, deter a extracción de datos e bloquear ao atacante. O incidente limitouse a esta plataforma e non afectou nin ao resto de sistemas deste ente nin tampouco aos propios do noso club. LALIGA continúa analizando a actividade da plataforma para determinar o alcance do incidente e reforzou a supervisión dos seus sistemas.
LALIGA comunicou os feitos á Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) e presentou unha denuncia ante a Unidade Central de Ciberdelincuencia da Policía Nacional, que investiga o sucedido. Estamos en contacto permanente con LALIGA, coa que coordinamos todas as actuacións.
Como medida de precaución, recomendamos desconfiar de correos electrónicos, SMS, mensaxes de WhatsApp ou chamadas inesperadas que soliciten datos persoais, contrasinais, códigos de verificación ou información bancaria, aínda que parezan proceder do Racing ou de LALIGA. Nin o Racing Club Ferrol nin LALIGA solicitaremos nunca contrasinais, códigos de acceso, pagos nin datos bancarios por estas vías. Ante calquera dúbida, verifique a solicitude a través dos canais oficiais. Para orientación gratuíta, o Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE) atende no teléfono 017.
Para calquera consulta relacionada con este incidente ou para exercer os seus dereitos en materia de protección de datos, pode escribirnos a delegadoprotecciondatos@prodasva.org. Así mesmo, pode consultar o comunicado oficial de LALIGA en: https://www.laliga.com/noticias/laliga-ha-sido-victima-de-un-ciberataque-que-ha-afectado-a-datos-personales-de-aficionados
Desde o Racing Club Ferrol lamentamos a preocupación que esta situación poida xerar entre os nosos afeccionados, seguiremos de preto a súa evolución e manteremos informados aos afectados. Agradecemos a comprensión e confianza dos nosos abonados e afeccionados, a quen reiteramos o noso compromiso coa transparencia, a seguridade e a protección de datos.