Skip to main content
Máis de un século de fogóns acesos, e desta vez tamén co Racing

Endika Buján, Ger Nóvoa e Vicente Esquerdo colaboran no servizo de cea da entidade benéfica, que leva máis de 135 anos ao carón das familias máis vulnerables da comarca.

Desde hai máis de 135 anos, os fogóns da Cociña Económica de Ferrol non se apagaron nin un só día para as familias máis vulnerables da comarca, grazas ás doazóns de particulares e ao traballo invisible de centos de voluntarios que, en máis dun século de historia, contribuíron a sosterla coa súa dedicación.

Onte pola noite, tres dos nosos xogadores puxéronse mans á obra para axudar no servizo de cea e coñecer de primeira man o traballo que realiza a asociación. Un labor que transcende a súa faceta de comedor social para exercer como verdadeira porta de entrada á rede de protección social para os colectivos máis desfavorecidos.

Endika Buján, Ger Nóvoa e Vicente Esquerdo, xunto con Rocío, Eva e María, voluntarios e traballadores da entidade, estiveron á fronte dun servizo no que se repartiron alimentos, pero tamén sorrisos, atención e moita comprensión. Porque un prato quente alimenta o corpo, pero un pouco de conversa alimenta a alma.

No emblemático edificio modernista de Rodolfo Ucha, situado na rúa Rubalcava, os xogadores achegáronse tamén á historia da entidade e constataron a importancia que a axuda cidadá ten para manter este tipo de accións.

Desde o Racing Club Ferrol queremos agradecer á Cociña Económica a oportunidade que nos brindou, a través da nosa Fundación, de vivir desde dentro esta experiencia.

Non queremos que a nosa visita quede aí e, por iso, invitamos a toda a familia racinguista a sumarse ao labor da Cociña Económica, xa sexa con doazóns, facéndose socio da entidade ou dedicando parte do seu tempo como voluntario.