Skip to main content

Máxima precaución na visita do Deportivo Guadalajara

O cadro que dirixe Pablo López recibe na Malata un equipo que gañou os seus últimos tres partidos

There are no reactions yet. Be the first!

Volvemos a A Malata, volvemos á casa nesta semana tan curta na que mañá, venres, ás 21:30 horas, recibiremos ao Deportivo Guadalajara. O duelo, correspondente á quinta xornada da Liga Versus E-Learning de Primeira Federación, mídese a un dos conxuntos revelación deste inicio do campionato. A pesar de tratarse dun recentemente ascendido, os castelán-manchegos só sumaron unha derrota nesta campaña, no primeiro partido de liga, ante o líder, o CD Tenerife. A partir de aí, contan os seus encontros por vitorias, tras dobrar ao Celta Fortuna, Unionistas de Salamanca e SD Ponferradina.

Unhas credenciais o suficientemente vistosas como para que o Racing afronte o partido con máxima precaución fronte a un bloque moi sólido defensivamente, equilibrado e vertical. O conxunto ferrolán chega á contenda tras sufrir o seu primeiro traspié no campionato: unha derrota no Anxo Carro, ante o CD Lugo, que nos deixou un sabor agridoce. A cruz: os tres puntos que se escaparon no tempo de prolongación e as dúas expulsións que obrigarán a Pablo López a prescindir de Migue Leal e Jairo Noriega, dous dos seus xogadores de referencia, especialmente o herculino. A cara: a tenacidade e capacidade de sufrimento do equipo nunha situación adversa —xogou máis de 50 minutos con dous xogadores menos—, a súa entrega e o seu palpable crecemento como escuadra.

E todo iso ante preto de dous milleiros de afeccionados racinguistas, contrariados polo resultado pero exultantes coas prestacións do equipo e totalmente identificados e volcados co grupo. A esa comuñón é á que apela o conxunto verde para facerse aínda máis forte en A Malata e impedir que de aquí se escapen máis puntos.

No terreo estritamente deportivo, Pablo López terá que refacer a sala de máquinas do equipo para contrarrestar a obrigada baixa de Jairo Noriega, que xunto con Migue Leal serán baixas seguras. Polo demais, coa enfermaría xa baleira, o cadro verde contará co resto dos seus efectivos dispoñibles.