Desembargo verde no Anxo Carro
O Racing xoga mañá en Lugo arroupado por máis de mil afeccionados
O primeiro derbi autonómico que o Racing afronta esta tempada lévao mañá domingo a Lugo, onde, a partir das 16:00 horas, medirase ao CD Lugo no Anxo Carro. Un milleiro longo de afeccionados arrouparán ao equipo neste primeiro gran desprazamento do ano, chamado a ser unha auténtica festa do fútbol galego.
O cadro departamental chega a terras lucenses invicto, tras derrotar ao CF Talavera, SD Ponferradina e Real Madrid Castilla nos tres partidos de liga disputados ata o momento. Os dous últimos, con apenas 72 horas de diferenza entre eles. E é que o aprazamento no seu día do choque fronte ao filial branco congestionou de partidos o calendario dos pupilos de Pablo López. O de mañá en Lugo será o seu terceiro encontro en apenas oito días. Todo un reto que, polo momento, superamos con boa nota.
Dar continuidade a estes resultados favorables é o obxectivo co que o Racing encara un choque no que o preparador do cadro ferrolán volverá a mover as súas pezas, tratando de minimizar os efectos do cansazo acumulado polos rigores do calendario.
No capítulo de ausencias, Pablo López está pendente da evolución dos tres xogadores que padecían molestias e que non viaxaron co equipo a Madrid: David Concha, con problemas nun nocello; e Chema Rodríguez e Aitor Gelardo, ambos con molestias musculares no sóleo e o isquio, respectivamente. Os tres comezaron a traballar co grupo na recta final da semana e serán as súas sensacións nas próximas horas as que determinen a súa participación.
Nas filas do CD Lugo, Yago Iglesias ten a única baixa confirmada do lesionado Lago Junior.
A pesar de que o inicio do CD Lugo non foi bo en canto a resultados —só sumou un punto en tres encontros— a preocupación e o respecto son máximos nas filas racinguistas ao afrontar esta contenda ante un adversario moito máis potente do que di a súa clasificación. O cadro que dirixe Yago Iglesias vai ir a máis e o Racing quere facer todo o posible para que esa reacción non se produza neste encontro.
Para conseguilo, contará cun notable número de seguidores nas bancadas do Anxo Carro. Entre as entradas distribuídas polo club en bancada visitante e as que adquiriron pola súa conta os nosos afeccionados noutras partes do estadio, as previsións auguran a presenza dun milleiro longo de racinguistas no encontro. Un apoio que, como se viu nos partidos disputados na Malata e tamén no xogador en Valdebebas, será fundamental para soster ao equipo e darlle un plus de enerxía nos momentos comprometidos do partido.