A Fundación Racing Club Ferrol colabora nunha mostra que reúne 104 camisolas históricas de seleccións nacionais e que chega por primeira vez a Galicia
O Museo da Construción Naval de Ferrol, Exponav, acolleu onte a inauguración de ‘Fútbol pola Paz’, unha exposición que utiliza o deporte como punto de encontro entre países e que reúne 104 camisetas históricas de seleccións nacionais, doadas polas embaixadas dos seus respectivos países. A mostra, promovida pola Academia da Diplomacia do Reino de España e LALIGA, conta coa colaboración da Fundación Racing Club Ferrol.
O acto de inauguración contou coa presenza de distintas autoridades e representantes vinculados á iniciativa, entre eles o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela; o presidente executivo da Academia da Diplomacia, Santiago Velo de Antelo; o presidente da Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao, José Antonio Álvarez Vidal; e o presidente do Racing Club Ferrol, Manuel Ansede.
Ferrol convértese así na primeira cidade galega que acolle esta exposición, que poderá visitarse na sala Carlos III de Exponav ata o próximo 13 de setembro. A colección reúne camisetas procedentes de máis dun cento de países e algunhas delas incorporan sinaturas de xogadores ou mensaxes vinculadas á paz.
Máis aló do valor das pezas que compoñen a mostra, ‘Fútbol pola Paz’ propón unha reflexión sobre a capacidade do deporte para xerar vínculos, favorecer o entendemento e achegar a persoas e pobos. Unha mensaxe especialmente ligada á dimensión universal do fútbol, capaz de compartir códigos e emocións máis aló das fronteiras.
Neste sentido, durante a súa intervención, Manuel Ansede destacou o orgullo do Racing por formar parte dunha iniciativa que entende o fútbol como “ponte” e “linguaxe común”, e que reivindica a súa capacidade para contribuír á convivencia e ao entendemento entre pobos.
A participación da Fundación Racing Club Ferrol nesta iniciativa enmárcase no seu compromiso cos valores sociais e educativos asociados ao deporte, entendendo o fútbol como unha ferramenta que transcende a competición e pode contribuír a construír unha sociedade máis cohesionada.
A exposición poderá visitarse en Exponav ata o 13 de setembro. Unha oportunidade para achegarse a unha colección de carácter internacional e descubrir, a través de camisetas que representan a países de todo o mundo, unha idea tan sinxela como universal: o fútbol tamén pode ser un espazo para atoparnos.