Skip to main content
Día cero da pretemporada Racinguista

Javi Vázquez e o seu corpo técnico reuníronse cos futbolistas racinguistas nunha sesión de benvida celebrada no estadio de A Malata

There are no reactions yet. Be the first!

Aínda que non será ata mañá cando comece a actividade, a pretempada do Racing Club Ferrol arrincou de forma oficial esta tarde ás 18.00 horas no estadio da Malata. Javi Vázquez, xunto co seu corpo técnico, reuniuse cos seus xogadores para unha primeira toma de contacto, unha reunión de benvida sobre a que sentar as bases de todo o traballo que pretende desenvolver e que deu paso a diversos análises biométricos.

Tras esta "sesión cero", entre mañá e o luns, os nosos futbolistas someteranse no Hospital Ribera Juan Cardona ás habituais probas médicas previas ao inicio da actividade. De forma paralela, realizaránselles a todos eles controis de diversa índole nas instalacións da Malata.

Javi Vázquez non quere perder tempo e mañá mesmo os xogadores saltarán xa ao terreo de xogo do campo da Gándara para comezar o traballo físico e técnico. Unha sesión que se realizará a porta pechada.

Nestes primeiros días, o grupo estará formado por 16 xogadores do primeiro plantel: Migue Leal, Edgar Pujol, Fabio, Álvaro Juan, César, Saúl García, Ekain Azkune, Álvaro Ramón, Azael García, Lucas Díaz, que continúan da pasada tempada; e os recentemente chegados Ger Nóvoa, Roberto Arroyo, Eric Monjonell, Unai Ropero, Vicente Esquerdo e Jan Danés. Este último realizará a tempada co Racing e adestrará habitualmente co primeiro equipo, pero competirá coa UD Somozas.

Precisamente, o convenio de colaboración con esta entidade permitirá que dous dos seus xogadores, Joel Tenreiro e Rubo, estean tamén presentes nestas primeiras sesións. A eles uniránselles tres xogadores do noso equipo xuvenil: Iker Ares, Pedro Bravo e Adrián Martínez.

Non se exercitarán estes días, con permiso do club, Chema Rodríguez e David Carballo, cos que se está traballando en diversas opcións de cara ao futuro, en busca da máis beneficiosa para todas as partes.

Amistosos

Como parte da súa preparación, o Racing disputará esta pretempada seis partidos de preparación. O primeiro deles disputarase en Vilalonga, ante o cadro anfitrión, o sábado 1 de agosto ás 20.00 horas. Bergantiños, Real Madrid Castilla, Real Avilés, Coruxo e UD Somozas completarán a nómina de adversarios durante este período preparatorio.