O novo futbolista racinguista destaca a unión e a calidade humana do vestiario como unha das claves para afrontar unha tempada esixente
O ambiente que se está xerando dentro do vestiario e a implicación de todos os integrantes do cadro foron algúns dos aspectos que destacou Dani Ojeda durante a súa presentación como novo xogador do Racing Club Ferrol. O atacante considera que o equipo está construíndo desde o inicio unha base sólida para afrontar unha tempada esixente e concede unha importancia especial á unión do grupo para superar os momentos difíciles que poidan aparecer durante o curso.
"Creo moito na importancia dos vestiarios, na calidade humana que é necesaria para superar os malos momentos que sempre hai nas tempadas", explicou Ojeda, que se amosou especialmente satisfeito coas súas primeiras semanas en Ferrol. "Hai un grupo humano que funciona moi ben e eu estou realmente ilusionado porque me gusta o que vexo", sinalou.
Antes de tomar a palabra o novo futbolista racinguista, o presidente do Club, Manuel Ansede, deulle a benvida e puxo en valor a incorporación de un xogador cunha ampla traxectoria no fútbol profesional, experiencia e capacidade para achegar ao equipo. Ojeda, que pasou por numerosos vestiarios ao longo da súa carreira, considera que esa experiencia lle permite valorar especialmente a importancia de construír un grupo unido. "Estamos construíndo algo importante para que, cando as cousas veñan mal, o vestiario poida darlle a volta", afirmou.
O atacante tamén destacou o traballo que está desenvolvendo Javi Vázquez e o seu corpo técnico no día a día. "Sorprendeume o metódicos que son, o claras que teñen as cousas e como nolas trasladan. Levan a profesionalidade ao límite e iso lévame a pensar que imos facer as cousas ben", explicou. Unha forma de traballar que, xunto coa implicación dos seus compañeiros, está reforzando as boas sensacións do futbolista durante esta primeira etapa como racinguista.
Ojeda quixo ademais agradecer a acollida que recibiu desde a súa chegada. "Estiven en moitos clubs, pero o recibimento e a acollida que me deron foi algo a destacar. Sentinme moi ben desde o primeiro día", recoñeceu.
No plano futbolístico, definiuse como un xogador asociativo, que parte habitualmente desde a banda esquerda pero busca tamén ocupar posicións interiores, estar preto da área e contribuír ao equipo tanto con goles e asistencias como no traballo defensivo.
Con estas primeiras sensacións, Dani Ojeda afronta unha tempada na que ten claro o obxectivo colectivo e o seu compromiso co proxecto: "O meu único obxectivo é levar ao Racing a Segunda División e para iso teño ganas de achegar e dar o mellor de min".