Skip to main content
Eric Monjonell: "Cando falei co Racing souben que este tiña que ser o meu sitio"

O central destacou durante a súa presentación a ambición do proxecto racinguista, o ambiente do vestiario e a confianza que lle transmitiron Álex Vázquez e Javi Vázquez.

There are no reactions yet. Be the first!

"O Racing é un club histórico e, cando se presentou a oportunidade, non o pensei. Tiña outras ofertas, pero cando falei con Álex Vázquez e con Javi sentín que este tiña que ser o lugar. Díxenlle ao meu axente que non quería falar con ninguén máis", así de convencido de ter tomado a decisión acertada ao asinar polo Racing mostrabase Eric Monjonell durante a súa presentación como novo xogador da entidade. Unha aposta que agradeceu o presidente do Club, Manuel Ansede, quen lle deu a benvida destacando que a súa incorporación responde á vontade de seguir construíndo un equipo competitivo con futbolistas comprometidos co proxecto. 

 O defensa recoñeceu que a ilusión coa que afronta esta nova etapa está directamente relacionada coa ambición do proxecto e deixou claro cal é o seu obxectivo. "Veño coa idea de ascender. Oxalá logralo e quedar aquí moitos anos", afirmou.

O central tamén destacou o nivel que atopou desde a súa chegada. "Os primeiros días están sendo excelentes, con moita intensidade", explicou antes de eloxiar o traballo de Javi Vázquez, de quen destacou a súa capacidade para sacar o máximo rendemento do plantel. Monjonell tamén quixo poñer en valor o ambiente do vestiario. "Hai moi bos xogadores, pero tamén moi boas persoas. Cando rematemos de coñecernos, estou convencido de que imos ser un moi bo equipo", sinalou.

Antes de concluír a súa comparecencia, o novo futbolista do Racing quixo agradecer o apoio que percibe por parte da afección e animou aos seguidores do club verde a manter ese respaldo: "A Primeira Federación é unha categoría difícil. Vai ser unha tempada longa e haberá momentos bos e outros malos. Eu pídolles que nos apoien sempre, porque nós imos deixar a pel no campo".