Skip to main content

A Unión Popular de Langreo, o noso rival na primeira eliminatoria da Copa do Rei Mapfre

A eliminatoria, que se disputará a partido único nunha data a determinar entre o 28, 29 ou 30 de outubro, terá lugar no Novo Ganzábal

There are no reactions yet. Be the first!

A Unión Popular de Langreo será o noso rival na primeira eliminatoria da Copa do Rei Mapfre, cuxo sorteo se celebrou onte no salón Luis Aragonés da Cidade do Fútbol, seguindo criterios de proximidade xeográfica e emparellamento segundo divisións.

Así, sabiamos de antemán que o noso rival sairía do "bombo" de Segunda Federación e que exerceríamos como visitantes na eliminatoria, que se disputa a partido único. Con estes parámetros, confírmase que o encontro terá lugar no Novo Ganzábal, nunha data aínda por determinar entre os días 28, 29 e 30.

Coñecido o seu adversario, o técnico do Racing, Pablo López, amosábase satisfeito, "sobre todo porque é un desprazamento próximo e bo para a nosa organización da semana. Ademais, pode achegarse xente de Ferrol a Asturias".

A eliminatoria disputarase sobre un céspede sintético, único "pero" que o preparador pon ao escenario porque, polo demais, "ten grandes dimensións e tráenos bos recordos, pois a última vez que xogamos alí —que gañamos 2-3—, na tempada 2020/21, foi na que ascendemos a Primeira Federación".

A pesar de que Pablo López é consciente da "dificultade de enfrontarnos na súa casa a un rival que nos vai poñer as cousas difíciles", insiste na "ilusión" coa que vai encarar o seu equipo a eliminatoria para avanzar nunha "competición histórica para o Racing Club Ferrol".